Inicio Galicia A Xunta apoia o concerto en liña ?Abe Rábade. Piano solo entre...

A Xunta apoia o concerto en liña ?Abe Rábade. Piano solo entre árbores' a través do Fondo Xacobeo 2021

0

O secretario xeral de Política Lingüística presentou esta mañá en Santiago este proxecto audiovisual do famoso pianista de jazz galego

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá na presentación do audiovisual Abe Rábade. Piano solo entre árbores, un recurso do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 da Xunta de Galicia que pode verse desde hoxe no Portal da lingua galega.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade quixo resaltar “a longa traxectoria de Abe Rábade na creación do jazz galego e na unión, con absoluta naturalidade, da lingua do país que el emprega acotío cun xénero musical nacido fóra das nosas fronteiras e que, por certo, ten presenza en máis proxectos do Fondo Xacobeo 2021”. O secretario xeral indicou “que non hai mellor maneira de demostrar que a nosa lingua, tan acaída para a expresión da cultura tradicional e autóctona, está aberta e é perfectamente válida tamén para incorporar todas aquelas cousas boas que nos poidan chegar de fóra”.

Xunto con Valentín García participaron na presentación o pianista e compositor de jazz Abe Rábade e Rosa Salgado, representante de Miraxe, Sociedade Cooperativa Galega, que produciu o concerto.

Piano solo entre árboresAbe Rábade interpreta no audiovisual presentado hoxe un repertorio único, seleccionado e traballado durante o confinamento, que inclúe as seguintes pezas: Liberación, Desexo, Ham-Dam. Improvisation e Freixo. O concerto foi gravado ao aire libre, nun espazo arborado da parroquia rianxeira de Asados, o 4 de novembro de 2020.

A interpretación das catro composicións sinaladas vai precedida dunha presentación a cargo do propio Abe Rábade en que este reflexiona sobre o confinamento e o sentido da vida, así como sobre as peculiaridades, tanto da interpretación jazzística en xeral, como da experiencia de tocar nun espazo natural na soidade da noite.

O pianista e compositor Abe Rábade (Santiago de Compostela, 1977) licenciouse cum laude en 1999 en Jazz Composition e Piano Performance polo Berklee College of Music de Boston (EEUU) e actualmente é profesor de dous conservatorios de música superiores de Galicia e de Portugal, ademais de ofrecer masterclasses en distintos centros da Península Ibérica. Publicou 14 discos como líder, tres composicións para grandes formatos e outras tres poético-musicais. Recibiu unha decena de premios e actúa habitualmente con figuras de recoñecido prestixio internacional en múltiples concertos e festivais de todo o mundo.

Fondo Xacobeo 21O audiovisual Abe Rábade. Piano solo entre árbores forma parte dos recursos dixitais do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021, un repositorio de contidos creativos de interese cultural en lingua galega creado pola Xunta de Galicia no marco do Plan de reactivación do sector cultural fronte aos efectos derivados da covid-19. O devandito repositorio, integrado por contidos tanto virtuais coma presenciais, así como por outros servizos de materiais e produción, persegue os obxectivos de dinamizar a lingua propia de Galicia, inxectar fondos e apoiar artistas, creadores e empresas do eido cultural no contexto da crise da covid-19 e abrir unha vía para a continuidade, viabilidade e visibilidade da oferta e do consumo de propostas lingüísticas e culturais. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre