Inicio Galicia A Xunta apoia na Coruña unha nova iniciativa que reforza as sinerxías...

A Xunta apoia na Coruña unha nova iniciativa que reforza as sinerxías entre artesanía e gastronomía

0

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, asistiron á inauguración da exposición “En Proceso” da ceramista Paula Ojea, dentro do proxecto Artesanía no Prato

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participaron esta tarde na inauguración da exposición “En Proceso”, da ceramista Paula Ojea, unha mostra individual desta artesá pertencente á marca Artesanía de Galicia para Boffi Studio. A mostra está coordinada pola Galería Vilaseco_Laboratorio Creativo e enmárcase no proxecto Artesanía no Prato, unha iniciativa na que Artesanía de Galicia se une á cociña galega a través de demostracións gastronómicas e de colaboracións entre artesáns e cociñeiros galegos.

A ceramista Paula Ojea, que resultou gañadora da Bolsa Eloy Gesto 2017 na pasada edición dos Premios Artesanía de Galicia, realiza esta mostra individual nas escaleiras centrais do Boffi Studio, un espazo comercial de referencia para o sector das cociñas de deseño.

O resto dos ambientes do espazo estarán decorados para a ocasión con pezas doutros obradoiros da marca Artesanía de Galicia como Alfarería Lista (Malpica de Bergantiños), Alfarería Rulo (Malpica de Bergantiños), a cestería tradicional de Antonio Suárez Dávila (Vigo), o téxtil de Artefíos (A Coruña) e do Centro de Recuperación da Cultura Popular Castelo de Sobroso (Ponteareas), os coitelos de forxa e madeira de Celso Ferreiro (A Fonsagrada), as pezas de madeira torneada de Cunqueiro (Palas de Reis), a cestería téxtil de Idoia Cuesta (Outeiro de Rei), as pezas de coiro de Jatafarta (Santiago de Compostela), a madeira de Lorenzo Design (Santiago de Compostela), a olería tradicional de Olería de Bonxe (Outeiro de Rei) e Rectoral de Gundivós (Sober), ademais da cerámica de Unzueta (Brión), Fani Sánchez Barreiro (A Coruña), Laura Delgado (Cambre), Lucía Catuxo (Trabada), Verónica Moar (A Coruña) e Víctor Ares (A Coruña).

Leer más:  Amazon inaugurará una estación logística adicional en Cambre (A Coruña)

Na inauguración da exposición participaron tamén dous cociñeiros galegos que habitualmente apostan pola marca Artesanía de Galicia para os seus restaurantes, tanto para servir os seus pratos como para reforzar a identidade das súas cociñas, a raíz do proxecto Artesanía no Prato. Tanto Luis Veira, do restaurante Árvore da Veira (A Coruña), como Juan Crujeiras, do Bido Restaurante (A Coruña), elaboraron un magosto para os asistentes.

Ojea Studio (Vigo) é o proxecto no que a ceramista Paula Ojea explora dous mundos aparentemente irreconciliables que son ademais as súas dúas paixóns, enxeñería e cerámica, para deseñar e crear a súa obra. O obradoiro pertence á marca Artesanía de Galicia desde o ano 2016 e en tan só dous anos e con tres coleccións no mercado conseguiu situar as súas pezas en prestixiosos restaurantes galegos como A Tafona (Santiago de Compostela) ou Casa Solla (Poio).


- Te recomendamos -