Inicio Galicia A Xunta apoia con case 200.000 euros a creación dun centro BTT...

A Xunta apoia con case 200.000 euros a creación dun centro BTT en Fonfría (Pedrafita) que aposta polo turismo activo e sostible

0

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, explicou que se trata dun proxecto para a práctica da bicicleta todoterreo que recibiu unha achega do 50% do investimento xestionada polo GDR Montes e Vales Orientais


A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), destinou 199.700 euros á posta en marcha dun Centro de Bicicletas Todo Terreo (BTT) en Fonfría (Pedrafita do Cebreiro), un proxecto empresarial que aposta polo turismo activo-deportivo e sostible.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou hoxe as instalacións da man da promotora, María Modesta Chao. Balseiro explicou que a axuda concedida, que foi xestionada polo Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Montes e Vales Orientais, supón o 50% do orzamento total (case 399.500 euros).

O centro pretende ser un punto de acollida para as persoas que practiquen a bicicleta de montaña e ofertará información sobre as rutas e outros servizos que poidan demandar os usuarios, como duchas e vestiarios, ximnasio, alugueiro de bicicletas, zona de lavado para bicicletas, fisioterapia, cociña comunitaria, zona de lecer, biblioteca, ordenadores e conexión por wifi.

Balseiro subliñou que se trata dun proxecto pioneiro no seu ámbito territorial e innovador, xa que a promotora diversifica a actividade da explotación gandeira da que é titular cara a outras actividades. De feito, para crear o centro BTT aproveitou unha finca e unha nave agropecuaria.

Coa posta en marcha deste espazo en Fonfría, situado nas inmediacións do Camiño Francés, busca ofertar un novo servizo de acollida ao turismo deportivo nun ámbito cun grande potencial para este tipo de actividades, como son as serras dos Ancares e O Courel.

O delegado territorial subliñou que este tipo de proxectos exemplifican o modelo de negocios polos que apostan os GDR, “empresas sostibles dende o punto de vista económico e medioambiental, que aproveitan os recursos locais e dinamizan o entorno”.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre