Inicio Galicia A Xunta apoia aos deportistas galegos que competirán no Marisquiño nos días...

A Xunta apoia aos deportistas galegos que competirán no Marisquiño nos días previos á inauguración da XIX edición na que o Goberno galego inviste 121.000 euros

0

Lete Lasa desprazouse ata o Churraspark, un dos maiores circuítos de Dirt Jump e Pumptrack ao aire libre de toda España, dirixido por Jorge Costas, e no que presenciou os adestramentos de deportistas como Miguel Guerrero ‘Carolo’ baza nacional na Copa do Mundo de Dirt Jump ou Uxía Álvarez, que participará un ano máis na proba de descenso MTB Downtown


O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañou a algúns deportistas galegos que competirán no festival de cultura urbana e deportes de acción O Marisquiño que comeza a súa XIX edición mañá mesmo coa sesión de apertura da Copa do Mundo de skateboarding. Nesta ocasión, o mandatario galego desprazouse ata o Churraspark, un dos maiores circuítos de Dirt Jump e Pumptrack ao aire libre de toda Galicia e, inclusive, de toda España, dirixido por Jorge Costas, campión galego e nacional de descenso e competidor internacional durante máis dunha década en probas da Copa do Mundo.

Alí, Lete Lasa destacou o nivel dos deportistas galegos que “continúan co legado de deportistas como Jorge Costas e que nos últimos anos teñen acadado medallas nacionais e internacionais en todas as disciplinas da bicicleta de montaña”. “A nosa comunidade é unha referencia non só nestas modalidades senón en todas as disciplinas que conxugan os deportes de acción que poderemos ver nunha nova edición do Marisquiño”, dixo.

Precisamente, na súa visita ao Churraspark, o secretario xeral desexou a “mellor das sortes” aos e ás deportistas que competirán no festival representando a Galicia e, nomeadamente, depositou moitas das esperanzas da delegación galega en Miguel Guerrero ‘Carolo’, que xa foi finalista da Copa do Mundo FMB Dirt Jump no Marisquiño 2017.

Do mesmo xeito, o responsable do Deporte galego tamén manifestou o seu apoio a Uxía Álvarez Blanco, campioa cadete do Open de España 2019 de descenso e que nesta nova edición do Marisquiño tamén tomará a partida no MTB Downtown do domingo entre as mellores riders do panorama internacional.

Compromiso da Xunta co MarisquiñoDeste xeito, o secretario xeral amosa o compromiso da Xunta de Galicia co “mellor festival de cultura urbana e deportes extremos do sur de Europa” que este ano acadará os 121.000 euros de axuda directa do Goberno galego, triplicando a aposta realizada en 2018. Ademais en vindeiras edicións, o Marisquiño poderá seguir beneficiándose do programa de patrocinios do Xacobeo 2021.

Neste ano 2019, O Marisquiño pretende superar os 160.000 asistentes, contará con tres copas do Mundo: skateboarding, Dirt Jump e basket 3×3 e terá un ollo posto en Toquío 2020 xa que catro das probas son ou serán olímpicas nas vindeiras datas, ademais do skate e do basket 3×3 que se estrearán en Xapón, o BMX xa é deporte olímpico e o break dance será deporte invitado en París 2024.

O Marisquiño está considerado o festival de cultura urbana e deportes de acción gratuíto máis importante do sur de Europa. É membro da exclusiva elite de eventos World Cup. Trátase dunha cita que reúne durante tres días máis de dez competicións deportivas, así como diferentes eventos culturais como break dance, exhibicións de graffiti, música en directo, etc. A súa dimensión fai que funcione como un importante escaparate da nosa Comunidade en Europa para a promoción dun turismo cultural e de festivais, xa que o 30% dos asistentes proveñen de fóra de Galicia. Ademais, cómpre destacar que tamén acoden a esta cita campións do mundo en distintas disciplinas que axudan a ofertar en Vigo unha proposta de calidade durante a tempada estival. O festival dará comezo mañá ata o domingo 11 de agosto.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre