Inicio Galicia A Xunta apoia a posta en marcha no polígono de Friol dun...

A Xunta apoia a posta en marcha no polígono de Friol dun centro de procesado de carne ecolóxica e unha 'ecotenda'

0

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, participou hoxe na inauguración das novas instalacións, promovidas pola empresa ‘Traloagro’


A Xunta de Galicia apoiou a posta en marcha no polígono de Friol dun centro con actividade industrial de procesado de carne ecolóxica, tanto de Ternera Gallega como de polo campeiro, e unha ecotenda con servizo de exposición e venda ao público de diferentes produtos alimentarios de orixe ecolóxico.

O delegado territorial da Administración autonómica en Lugo, José Manuel Balseiro, acompañado polo alcalde de Friol, José Ángel Santos -entre outras persoas-, participou hoxe na inauguración das novas instalacións, promovidas pola sociedade Traloagro e destinadas á elaboración e transformación de produtos cárnicos procedentes da explotación gandeira da mesma empresa, maioritariamente gando vacún e avícola en produción ecolóxica.

Balseiro explicou que a iniciativa conta co apoio da Xunta a través da Consellería do Medio Rural, que concede unha achega de arredor de 300.000 euros para a actividade industrial de procesado de carne; e tamén do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) da comarca de Lugo, a través dunha axuda de 160.800 euros xestionada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) para o proxecto de comercialización.

A nave construída pola empresa no polígono de Friol conta con dúas edificacións adosadas que suman unha superficie duns 1.300 metros cadrados. Na edificación principal están as instalacións industriais e o segundo volume acolle a ecotenda, na que ademais dos produtos elaborados por Traloagro se porán á venda outros alimentos diversos de orixe ecolóxico, dende marmeladas e conservas ata produtos frescos da horta e ovos.

Balseiro salientou que proxectos como o promovido por esta empresa en Friol “permiten xerar valor engadido á produción primaria do noso agro, coa elaboración e comercialización de produtos listos para o consumo e co consecuente incremento de beneficios para os propios produtores”.

Segundo destacou, “estas iniciativas contribúen a apuntalar o tecido produtivo do sector primario e a crear riqueza e postos de traballo nos concellos da nosa provincia” e nese sentido, “amosan a liña pola que queremos transitar a favor dun rural con futuro”.

Por último, o delegado manifestou que “a Xunta ten a vontade de seguir traballando e apoiando iniciativas que servan para aumentar a competitividade das pequenas empresas asentadas no rural e, en particular, nun sector estratéxico como a industria agroalimentaria”.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre