Inicio Galicia A Xunta apoia a contratación de 54 mulleres en empresas da comarca...

A Xunta apoia a contratación de 54 mulleres en empresas da comarca da Coruña a través do programa Galicia Emprega

0

Ovidio Rodeiro visitou a unha das empresas beneficiarias destas achegas que teñen como obxectivo financiar a formación e a contratación de colectivos con máis dificultades para atopar un emprego

O delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá unha das empresas beneficiarias pola orden de axudas da Consellería de Economía, Emprego e Industria de Galicia Emprega e concretamente da liña Emprega Muller que se acaba de resolver.

O representante do Goberno autonómico destacou que o Galicia Emprega, ten como obxectivo apoiar a formación e contratación de persoas pertencentes aos colectivos con mais dificultade para obter un posto de traballo, como son mulleres desempregadas, parados de longa duración, mozos e persoas con capacidades diferentes ou en risco de exclusión. En total, vanse investir 9,4 millóns de euros, un 10% máis que o pasado ano, e o obxectivo son, como mínimo, 1.100 contratos que van ter financiamento.

Concretamente, no Galicia Emprega Muller na comarca da Coruña grazas a estas axudas levaranse a cabo 54 contratacións, das cales 25 delas serán en empresas da Coruña e o resto nos concellos de Arteixo, Cambre, Culleredo, Mesía e Sobrado. Este programa contará con máis de 404.000 euros para apoiar na cidade e área estas contratacións. No caso da provincia o número de contratos a mulleres que se apoiarán con este plan é de 128 cunha achega global de case 1 millón de euros.

Emprega Muller conta cun orzamento de preto de 3,4 millóns de euros para toda Galicia. As axudas mínimas para os contratos indefinidos son de 12.000 euros.

Ovidio Rodeiro destacou que Galicia Emprega abriuse con catro liñas de axudas: Emprega Muller, Emprega Persoas con Capacidades Diferentes ou en Risco de Exclusión, Emprega Parados de Longa Duración e Emprega Xuventude. O delegado territorial informou que “imos financiar a formación e a contratación”. Por unha banda, apóiase cun bono formación aos traballadores para que poidan responder ás necesidades formativas do tecido empresarial. A cualificación dos traballadores que son contratados de xeito inicial por 12 meses a xornada completa para que reciban unha formación mínima de 50 horas incentívase con 2.000 euros. Se o contrato é indefinido, o bono increméntase ata os 4.000 euros e a formación mínima terá que acadar as 70 horas.

Tamén se ofrecen incentivos á contratación ás empresas que impulsan a contratación indefinida ou inicial cunha duración mínima de 12 meses a xornada completa. Ovidio Rodeiro destacou como novidade que en todos os casos aumentarán nun 25% para aquelas empresas de máis de 50 traballadores e cunha taxa de estabilidade igual ou superior ao 70% e noutro 25% no caso de que a actividade pertenza a un sector estratéxico.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre