Inicio Galicia A Xunta anuncia oposicións para cubrir case 1.200 prazas de Administración Xeral

A Xunta anuncia oposicións para cubrir case 1.200 prazas de Administración Xeral

0

A estas prazas hai que sumar as convocatorias de emprego social anunciadas o mes pasado con 591 prazas


O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, anunciou hoxe que a Xunta remitirá esta mesma semana ás organizacións sindicais as convocatorias de oposicións para cubrir 1.161 prazas en diversas categorías de Administración Xeral. “Trátase de convocatorias moi agardadas polo persoal que quere estabilizar o seu posto de traballo e polos moitos mozos e mozas que aspiran a acceder a un emprego estable e de calidade na Xunta de Galicia”, subliñou o conselleiro.

Destas 1.161 prazas, 239 son para o corpo superior A1; 222 para o corpo de xestión A2; 291 prazas para o corpo administrativo C1; e 409 prazas de auxiliar administrativo C2. A estas prazas, hai que sumar as convocatorias de emprego social anunciadas o mes pasado con 591 prazas. A través de todas estas convocatorias, a Xunta non só promove a estabilidade do emprego temporal senón que tamén realiza a cobertura de prazas vacantes por xubilación ou de nova creación nos servizos públicos que presta a Administración galega.

Na súa comparecencia en comisión parlamentaria para presentar o proxecto de Lei de Orzamentos para 2020 e as contas da súa consellería, Valeriano Martínez lembrou que a Comunidade Autónoma disporá o vindeiro ano dunha capacidade gasto de 10.149 millóns de euros, un 3% que neste exercicio, co que Galicia contará con 300 millóns máis que este ano e 1.400 máis que en 2016.

Ademais, o Goberno galego seguirá apostando polo reequilibrio territorial cun maior gasto per capita nas provincias orientais respecto das atlánticas, de aí que o maior investimento por habitante volva producirse en Lugo (4.252 euros per capita) e Ourense (4.096), fronte aos 3.281 euros de A Coruña e os 3.200 de Pontevedra.

Menos impostosAs contas do vindeiro ano inclúen novas baixadas de impostos e manteñen todas as que xa están en vigor. Entre as novidades, figura a rebaixa do Imposto de Transmisións Patrimoniais (ITP) para a compra dunha vivenda no 94% do territorio galego, co obxectivo de fixar poboación no rural, así como a supresión do Imposto sobre Sucesións para as herdanzas inferiores a 1 millón de euros por herdeiro, co que o 99,9% dos galegos non pagarán este tributo cando reciban unha herdanza dun familiar directo. Tamén se aproban máis facilidades para a sucesión das empresas familiares e ponse en marcha unha novidosa ‘dedución verde’ no IRPF.

Ademais, en 2020 a Xunta ampliará de novo o volume de beneficios fiscais ata os 448 millóns de euros, o que supón un incremento do 4,1% respecto do actual exercicio e dun 23% -84 millóns- en comparación co 2016.

Reforzo do gasto social e dos investimentosOs Orzamentos para 2020 reforzan un ano máis o gasto social, que medra en 275 millóns respecto a este ano e acada os 7.400 millóns de euros, a cifra máis alta da historia. Estes novos recursos permitirán incrementar o gasto directo en sanidade, no ensino e nas políticas sociais, e poñer en marcha medidas pioneiras no ámbito familiar como a gratuidade das escolas infantís a partir do segundo fillo ou a ampliación da Tarxeta Benvida. Tamén medra o capítulo de investimentos, que acada os 1.691 millóns de euros.

Xacobeo, menos débeda e empregados públicosNas contas do vindeiro ano tamén destaca a dotación para o Xacobeo, para o que se destinan 82 millóns para afrontar con éxito a preparación do vindeiro Ano Santo, e a redución do gasto en débeda, que baixa 22 millóns. Ademais, tamén se inclúe o crédito necesario nun fondo retributivo para elevar ata un 2,2% o salario dos empregados públicos e que se aplicará cando o Goberno central dite a norma habilitante.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre