Inicio Galicia A Xunta anima aos veciños de Soutomaior a asinar os contratos de...

A Xunta anima aos veciños de Soutomaior a asinar os contratos de xestión da biomasa no marco do convenio de protección das aldeas

0

José González reuniuse con residentes das parroquias de Arcade e Soutomaior, priorizadas para a xestión da biomasa pola actividade incendiaria que veñen rexistrando

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto, mantivo hoxe un encontro con veciños do concello pontevedrés de Soutomaior, para explicarlles o convenio de protección das aldeas fronte os incendios forestais que a Xunta ten subscrito coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e coa empresa pública Seaga.

O fin último desta xornada é animar aos veciños das dúas parroquias priorizadas que ten este concello, Arcade e Soutomaior, a que se subscriban a este convenio para así protexer as vivendas ao tempo que se cumpre coa obriga de manter limpos os terreos situados nas faixas secundarias. Este encontro forma parte dos que se están levando a cabo nos 34 concellos galegos con parroquias priorizadas.

No encontro de hoxe, o conselleiro lembrou que o mantemento das parcelas situadas nas faixas secundarias, é dicir, aquelas próximas aos núcleos de poboación, é responsabilidade dos titulares destes terreos. Así mesmo, explicou que corresponde aos concellos a vixilancia desta obriga e, no seu caso, proceder ao seu cumprimento pola vía da execución subsidiaria. Porén, e sendo a Xunta coñecedora das dificultades dalgúns concellos, o Goberno galego colabora nesta materia a través do convenio de protección das aldeas.

Así, a Consellería do Medio Rural vai achegar un total de 28,7 millóns de euros en catro anos (máis do 78% do orzamento total, que supera os 36 millóns) para desenvolver este convenio, para o que xa hai case 200 solicitudes de adhesión de concellos. En todo caso, o conselleiro insistiu en que o seu departamento só actuará nas parroquias priorizadas, posto que no resto do territorio son os propietarios os que teñen que cumprir coas súas obrigas de xestionar adecuadamente a biomasa.

Aldeas priorizadasNeste encontro, o titular de Medio Rural salientou que xa neste ano se vai actuar en 34 concellos, 68 parroquias e un total de preto de 700 aldeas. Explicou que estes núcleos priorizáronse en función da actividade incendiaria e consonte a uns criterios obxectivos, relacionados coa virulencia dos lumes, coa superficie afectada, co risco de ocorrencia de incendios e cos medios e a planificación adoptada para facerlles fronte. Así, matizou que está previsto actuar nunhas 4.500 hectáreas este ano, ata chegar a unhas 16.000 ao remate do período 2019-2022.

Nesta liña, o conselleiro animou aos veciños presentes a implicarse e a estar atentos ao aviso do concello para incorporarse ao convenio e asinar o correspondente contrato de xestión da biomasa. José González trasladou que con eses contratos asinados, Medio Rural fará a limpeza e os titulares dos terreos só terán que pagar 35 euros por cada mil metros cadrados (é dicir, 350 euros por hectárea), un prezo fixo axustado e vantaxoso con respecto ao prezos de mercado pola execución destes traballos, recalcou.

Así mesmo, José González sinalou que desde a Xunta xa se lle remitiu a 92 municipios os plans municipais de incendios xunto co acceso ao visor, para facilitarlles así o cumprimento desta obriga que vén recollida na lei de prevención de incendios de 2007.

Actividade agrogandeiraA maiores, José González avanzou que, de cara ao futuro, o que se pretende é que non sexa preciso rozar todos os anos e por iso se fomentará a implantación de actividade agrogandeira que asegure a limpeza de xeito permanente nas franxas.

Así, indicou que se actuará en 40 “aldeas modelo” que poden estar en calquera dos concellos adheridos. Nelas farase a limpeza se hai acordo entre os propietarios das parcelas e agricultores e gandeiros para a posta en produción das terras, mediante cultivos de horta, cereal, pastos, froiteiras, castiñeiros, oliveiras, etc.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre