Inicio Galicia A Xunta anima aos empresarios a investir no rural para crear actividade...

A Xunta anima aos empresarios a investir no rural para crear actividade económica rendible aproveitando os seus propios recursos

0

O titular de Medio Rural puxo en valor os principais indicadores do noso agro en sectores coma o lácteo, o forestal ou o vitivinícola e, polo tanto, as oportunidades de investimento que representan


Un dos grandes obxectivos da Xunta cara o futuro é crear e consolidar actividade económica rendible no medio rural galego. Para iso, incentivarase a colaboración con empresarios e investidores e desenvolverase toda unha estratexia de recuperación e posta en valor de terras agrarias –mediante unha lei específica, que está previsto levar ao Parlamento este ano–, entre outras iniciativas. Así o recordou hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González, na xuntanza anual do Foro Económico de Galicia que tivo lugar na illa da Toxa (O Grove).

Na súa intervención, o conselleiro quixo animar aos representantes do tecido empresarial a apostar polo agro como escenario prioritario para desenvolver actividade económica. Neste sentido, puxo en valor os principais indicadores do noso medio rural en sectores coma o lácteo, o forestal ou o vitivinícola e, polo tanto, as oportunidades de investimento que presentan.

En relación co lácteo, José González lembrou que Galicia é a oitava rexión europea en produción e resaltou a importancia da transformación do leite para darlle valor engadido. Sobre o ámbito do viño, dixo que constitúe a punta de lanza da imaxe que a Consellería do Medio Rural quere trasladar ao mundo, xa que é un exemplo de éxito de posicionamento a nivel global a través da transformación do produto galego de calidade. Con respecto ao forestal, salientou que a metade das cortas de madeira de toda España realízanse na nosa comunidade e que máis de 80.000 familias galegas ingresan diñeiro pola súa venda.

Produtos de calidadeAdemais, o conselleiro fixo fincapé nos produtos con proxección, demanda e futuro amparados polos selos de calidade. Así, incidiu en que o 64% do mel certificado de España se produce en Galicia, que os queixos con denominación de orixe xeran un valor de máis de 35 millóns de euros anuais ou que Ternera Gallega produce arredor de 20.000 toneladas anuais, con 8.000 explotacións inscritas.

Neste mesmo sentido, José González remarcou que estes produtos “caracterízannos e fannos sentir orgullo rural” e que os selos que os protexen garanten “a nosa marca, a nosa identidade e o noso investimento”. Por iso centrou o seu discurso no eido económico, insistindo en que ao falar de rural “falamos de empresarios, de custos de produción, de marxes de beneficio e de rendibilidade das explotacións”.

Recuperación da terraSobre a futura lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia, José González advertiu que a través desta nova normativa –que se está a desenvolver da man do grupo parlamentario popular– preténdese facer unha planificación integral do territorio rural e dos usos do solo. O obxectivo é dar seguridade xurídica e aumentar a rendibilidade dos propietarios e destinatarios das terras agrarias.

O conselleiro tamén destacou que en ningún caso haberá expropiacións, senón procesos de compra-venda ou arrendamento a demanda dos interesados. Ademais, o titular de Medio Rural lembrou que outro dos puntos claves desta lei será o de crear polígonos agrogandeiros e forestais. Como colofón á súa intervención neste foro, José González apelou unha vez máis á colaboración cos empresarios e investidores para crear actividade económica rendible no medio rural.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre