Inicio Galicia A Xunta anima a empresarios e emprendedores do Salnés a apostar pola...

A Xunta anima a empresarios e emprendedores do Salnés a apostar pola innovación e a formación como garantía de competitividade

0

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou esta tarde nun encontro no que se informou dos programas de apoio destinados ao tecido empresarial, centrados nas melloras da contratación ou na internacionalización

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou esta tarde en Vilagarcía de Arousa nun encontro con empresarios e emprendedores da comarca do Salnés no que se informou sobre os distintos programas de apoio destinados ao tecido empresarial e que están abertos neste momentos, centrados particularmente nas melloras da contratación ou na proxección internacional.

Durante a súa intervención, o conselleiro salientou a necesidade de humanizar a economía para asegurar un desenvolvemento conxunto de empresas, industria e sociedade, chamando á transversalidade entre sectores para fortalecer as distintas estratexias de crecemento. Conde sinalou ao labor dos emprendedores como o termómetro da economía, e neste sentido instou a habilitar as condicións idóneas para a posta en marcha de proxectos empresariais que se encamiñen a construír a Galicia de futuro.

A este respecto, o titular de Economía, Emprego e Industria destacou o compromiso pola formación de Vilagarcía de Arousa, reflectido en iniciativas como a súa participación no programa de obradoiros de emprego ou ao desenvolvemento de plataformas como o coworking do Salnés, que esta semana comezou a súa cuarta edición con 19 proxectos empresariais.

Do mesmo xeito, Conde apelou á Lei de Implantación Empresarial a través da cal se crea a figura dos Concellos Emprendedores, cuxos municipios ofrecen incentivos ás empresas que queren asentarse, con máis simplificación administrativa, máis facilidades de acceso a solo industrial e máis incentivos fiscais, con bonificacións de ata o 95% nos impostos locais. A cambio, os Concellos Emprendedores teñen prioridade no acceso a convocatorias de axudas vinculadas co emprego, a formación, ou a modernización do tecido empresarial, entre outras. O Salnés conta con seis concellos nesta lista, incluíndo Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, Sanxenxo, Cambados, Meaño e Ribadumia.

O conselleiro defendeu a necesidade de construír escenarios que fomenten o emprendemento, especialmente o xuvenil e o feminino, e que despreguen oportunidades para as novas empresas, nun modelo que supeditou a unha aposta pola diversidade, polo novo talento e na igualdade de oportunidades para todos os colectivos.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre