Inicio Galicia A Xunta analiza os retos da música na era post covid-19 co...

A Xunta analiza os retos da música na era post covid-19 co crítico Vela del Campo e a directora técnica da Real Filharmonía de Galicia

0

Será no terceiro webinario dos ‘Foros #aculturasegue: reflexións sobre a cultura na era post COVID-19’, que terá lugar o venres 29 de maio ás 18,00 horas e poderá seguirse en liña en cidadedacultura.gal


Os retos do sector musical no contexto actual, e concretamente no eido da música clásica, será o tema a tratar nun novo encontro virtual dos Foros #ACULTURASEGUE. Reflexións sobre a cultura na era post-COVID-19. A sesión, que terá lugar este venres 29 de maio, contará coa participación do ensaísta e crítico musical Juan Ángel Vela del Campo, e da directora técnica da Real Filharmonía de Galicia, Sabela García Fonte. A actividade, dirixida a profesionais do sector cultural e a todo tipo de público interesado, está organizada pola Consellería de Cultura e Turismo, a través da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, no marco do Xacobeo 2021.

Conducido pola comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira Marimón, o foro contará con dous convidados de consolidada traxectoria no ámbito da clásica, que analizarán cuestións que actualmente afectan dun xeito directo aos profesionais do sector, como poden ser a progresiva reapertura de espazos de lecer, as medidas de distanciamento aplicadas aos espectáculos en directo, ou o xurdimento de novos formatos. O encontro desenvolverase a partir das 18,00 horas a través de videoconferencia na web cidadedacultura.gal e están convidadas a participar nel todas as persoas interesadas.

Dunha banda, participará Juan Angel Vela del Campo (Bilbao, 1947) ensaísta e divulgador cultural en prensa, radio e televisión durante as tres últimas décadas. Crítico musical de El País (1987 / 2015), colabora actualmente no programa La Ventana da Cadena SER. Foi fundador e director executivo do proxecto Ópera digital do Gran Teatro del Liceo de Barcelona, con transmisións en directo a 49 universidades de España, Portugal, Francia e México; dirixe tamén o programa Tutto Verdi da Asociación Bilbaína de Amigos de la Ópera e é director artístico desde 2015 do Festival Terras sen sombra, no Alentejo portugués. Integra a Xunta Directiva do Círculo de Bellas Artes de Madrid, é Académico de número da Real Academia Española de Gastronomía e consultor da Escola Galega de Altos Estudos Musicais. Premio da Crítica do Fondo de Cultura de Salzburgo en 2000, dirixe con asiduidade cursos en universidades españolas, ademais de impartir conferencias en diferentes institucións dentro e fóra de España.

Estará acompañado de Sabela García Fonte, (Cabanas, 1979), directora técnica da Real Filharmonía de Galicia desde 2017. Licenciada en Historia da Arte (especialidade en Historia da Música) pola USC e en Música Antiga (especialidade Violín Barroco) pola Escola Superior de Música e Artes Escénicas do Porto, conta cunha longa experiencia como intérprete e un máster en Xestión Cultural pola Universitat Oberta de Catalunya. A súa carreira en xestión musical levouna a traballar na Orquestra Barroca de Sevilla e como coordinadora na Asociación Española de Festivais de Música Clásica-FestClásica. Como violinista, integrou agrupacións como o ensemble Gli Incogniti, a Orquestra Barroca da Casa da Música (Oporto), a Orquestra Barroca Divino Sospiro (Lisboa), ou a Orquestra Barroca de Sevilla, Ensemble Jacques Moderne (Francia) e Ars Combinatoria (Madrid). Tamén traballou no campo da música de cámara e a música medieval con grupos de Gran Bretaña, Portugal, España e Galicia, entre eles a Capela Compostelá.

Reflexións sobre a cultura na era post-COVID-19Os Foros #aculturasegue consisten nunha serie de encontros online –realizados os venres en formato webinario– con especialistas procedentes de distintos campos das industrias creativas. Propóñense convidar á reflexión e á análise dos retos aos que se enfronta o sector no contexto actual de emerxencia sanitaria, e das implicacións que as medidas de contención do COVID-19 están a ter para as empresas e profesionais da cultura.

As súas dúas primeiras entregas centráronse nos retos para o sector das artes escénicas –coa participación dos directores artísticos de La Fura dels Baus, Carlus Padrissa, e Voadora, Marta Pazos– e na creación de contidos dixitais –coa responsable de programas virtuais do Museo Reina Sofía, Olga Sevillano Pintado, e do comisario de exposicións e coordinador de proxectos dixitais do Consello da Cultura Galega, Manuel Gago Mariño–.

Ambos puideron seguirse por videoconferencia –coa posibilidade de establecer un diálogo cos relatores participantes– e poden ser vistos novamente na canle de youtube da Cidade da Cultura de Galicia.

En vindeiros foros trataranse temas como os desafíos aos que se enfrontan os sectores das artes plásticas ou do libro na era post COVID-19; os novos formatos, mercados e fórmulas de xestión de dispositivos culturais; ou o novo perfil de consumidor e a superación da desconfianza dos e das asistentes a eventos culturais no contexto da nova situación sanitaria global. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre