Inicio Galicia A Xunta analiza os efectos do COVID-19 nas artes escénicas e avanza...

A Xunta analiza os efectos do COVID-19 nas artes escénicas e avanza o deseño dun paquete de medidas culturais

0

O conselleiro Román Rodríguez reuniuse por videoconferencia con Escena Galega, coa Asociación de Actores e Actrices de Galicia e con representantes de salas privadas e festivais de teatro


O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, mantivo unha videoconferencia con representantes do sector escénico galego para analizar a situación derivada do COVID-19 e avanzar nas accións específicas que a Xunta de Galicia está a deseñar para minimizar os efectos da crise sanitaria neste colectivo.

Seguindo a dinámica de anteriores encontros sectoriais, nos que a Consellería convocou xuntanzas similares para afondar nas consecuencias do actual estado de alarma na música, no audiovisual ou no libro, desta volta a reunión centrouse nas especiais particularidades laborais e artísticas do teatro, a danza, a maxia e o novo circo.

Participaron nela Juan Rodríguez, presidente da asociación de compañías Escena Galega; Mónica García e Alberto Blanco, por parte da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, así como Pedro Fresneda, de Teatro Ensalle, e Alberto Sueiro, do Festival Outono de Teatro de Carballo, estes dous últimos para achegar unha visión sobre os espazos privados de exhibición escénica e dos certames, mostras ou festivais que tamén se están a ver prexudicados polos peches de recintos e polas suspensións de eventos. Ademais do conselleiro de Cultura e Turismo, pola Xunta interviñeron o director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo;o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e o director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez.

Liquidez e mantemento de funciónsEntre as cuestións tratadas, Román Rodríguez marcou como prioridade dotar de liquidez as compañías, para o que se axilizarán todo o posible os pagamentos das subvencións á creación escénica 2019-2020 e se están a preparar novas medidas de apoio que serán concretadas ao remate o estado de alerta. Estas accións terán en conta os documentos de traballo xa trasladados á Xunta por parte de distintos colectivos do sector, como os dous informes realizados por Escena Galega, entre outros. Neste sentido, prestarase atención tanto ás demandas de políticas que fortalezan o tecido produtivo como ás que incentiven o consumo cultural.

Ademais, nos casos de actuacións suspendidas con contratación compartida entre a Xunta e as entidades locais, como as da Rede Galega de Teatros e Auditorios, o obxectivo é flexibilizar a normativa vixente para facilitar ao máximo a reprogramación de funcións, prioritariamente xa no segundo semestre deste ano, coa finalidade de recuperar canto antes todas as citas previstas e executar por completo o orzamento anual adxudicado a este circuíto profesional de espectáculos.

Este mesmo compromiso aplícase ás coproducións de espectáculos e residencias artísticas do Centro Dramático Galego e Centro Coreográfico Galego, que manterán os contidos das súas carteleiras mediante novas asignacións de datas para todos os proxectos en curso.

Rolda de contactosEste encontro enmárcase nunha rolda de contactos que o titular da Consellería de Cultura de Turismo está a manter con diferentes sectores culturais de Galicia como o do libro ou do audiovisual. Neste sentido, Román Rodríguez abordou con representantes de ambos sectores os efectos da crise sanitaria, ao tempo que se avanzou no deseño dun paquete de medidas específicas.

Neste mesmo marco, o conselleiro tamén estivo en contacto cos representantes das principais entidades culturais da nosa Comunidade. Así, reuniuse cos presidentes da Real Academia Galega, co Consello da Cultura Galega e da Academia Galega de Belas Artes para avaliar o impacto da crise provocada polo COVID-19 e iniciar unha estratexia de traballo que permita establecer as liñas prioritarias de axuda ao sector cultural.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre