Inicio Galicia A Xunta analiza coas residencias de maiores e de persoas con discapacidade...

A Xunta analiza coas residencias de maiores e de persoas con discapacidade da área de Pontevedra o plan de reactivación sociosanitaria

0

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra xunto ao director xeral de Maiores fixeron un seguimento da situación actual con 46 responsables destes centros


O delegado territorial de Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e o director xeral de Maiores da Consellería de Política Social, Ildefonso de la Campa Montenegro, mantiveron esta mañá un encontro por videoconferencia con 46 representantes de residencias de maiores e de persoas con discapacidade para analizar o plan de reactivación sociosanitaria destes centros. A reunión estivo moderada pola xefa territorial deste departamento, María José Pérez-Izaguirre.

O representante do goberno autonómico recordou que dende o pase a Fase 2 de Galicia se procedeu a reapertura gradual e flexible daqueles centros que non tivesen ningún contaxiado.

Este protocolo, aprobado pola Xunta, foi redactado polo comité clínico do Servizo Galego de Saúde e ten como principio reitor a máxima protección, prudencia, graduación e flexibilidade.

Durante o encontro de hoxe recolléronse as inquedanzas, dúbidas e preguntas dos responsables das residencias e centros de persoas con discapacidade e se analizou a aplicación deste protocolo nestes primeiros días, que supón o cumprimento de dous criterios: que o centro non rexistrase casos de coronavirus, nin entre o persoal nin entre os residentes, nos últimos 15 días;e que no concello onde se sitúa o centro se rexistren cada día tres ou menos novos casos de coronavirus por cada 5.000 habitantes. Se cumpren con estes requisitos, as residencias poden permitir dúas visitas por semana e con cita previa; e as persoas autónomas poden realizar saídas á farmacia e ao banco, preferiblemente a primeira hora da mañá. Por outra banda, Ildefonso de la Campa recordou que na próxima etapa, na número 3, poderá recuperarse en gran medida o réxime de visitas co que contaba cada residencia antes da pandemia sempre con medidas de seguridade; e os residentes poderán saír tamén á contorna urbana, evitando no posible aqueles lugares onde se concentren máis persoas.

O delegado territorial recalcou que no caso de que apareza algún caso positivo habería que suspender a reactivación e volveríamos confinar ás persoas contaxiadas.

Por último, o protocolo de reactivación das residencias tamén regula o reinicio dos servizos de atención temperá, así como outros servizos terapéuticos dirixidos a persoas maiores e persoas con discapacidade, sempre con de cita previa que garanta que só estean na sala ao mesmo tempo unha persoa usuaria e un profesional.

Durante a videoconferencia, o delegado territorial tamén recordou que esta mesma semana levouse a cabo un novo envío de material de protección (luvas, máscaras e produtos de limpeza) aos centros e residencias da área de Pontevedra, chegando así a un total de 344.800 elementos de protección dende o inicio da pandemia a un total de 71 centros de atención á discapacidade e aos maiores.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre