Inicio Galicia A Xunta amplía o programa de formación ao sector turístico para mellorar...

A Xunta amplía o programa de formación ao sector turístico para mellorar a súa adaptación á nova realidade derivada da pandemia

0
image_gallery.jpg

O Plan de formación para a reactivación do sector é de balde e estenderase ata xaneiro do vindeiro ano


Ante a situación derivada da covid-19, a Xunta, a través de Turismo de Galicia e do Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG), vén de pór en marcha o Plan de Formación para a reactivación do sector turístico, que se desenvolverá ata fin de ano a través de diferentes cursos, webinars e obradoiros online destinados ao conxunto do sector turístico.

O plan inclúe distintas accións, todas elas de balde para os profesionais, con programas de idiomas, finanzas, reconversión e adaptación das empresas turísticas, de transformación dixital, anfitrións, actualidade e aula aberta. A través deles búscase mellorar as capacidades dos traballadores do sector, ao tempo que se lle oferta aos empresarios turísticos dotalos de ferramentas que lles permitan revisar e adaptar os seus modelos de negocio para afrontar a nova realidade turística xurdida trala chegada da covid-19.

Primeiras acciónsEsta semana arrancaron as primeiras formacións con dous cursos de inglés dos que se beneficiarán un cento de profesionais. Ademais, tamén se abriu o prazo de inscrición dos primeiros obradoiros do Programa de reconversión e adaptación das empresas turísticas: un sobre o Modelo de Negocio nas empresas turísticas e hostaleiras e outro do Mapa de Procesos nas empresas turísticas e hostaleiras, que teñen aberto a inscrición ata este xoves, 20 de novembro e dos que se ofertan 32 prazas. As inscricións pódense facer a través do enlace do espazo de formación: https://www.turismo.gal/formacion A través destas formacións, que son impartidas por expertos nas diferentes materias, os profesionais turísticos poderán resolver dúbidas ante a nova situación provocada pola pandemia, ampliar os seus coñecementos de ferramentas estratéxicas ou reorientar o seu negocio cara ás necesidades do cliente, ademais de reducir erros de estratexia e custos no proceso, así como outras cuestións relativas a loxística, operacións, mercadotecnia e vendas.

Máis de dous mil certificaciónsCon este novo plan, a Xunta continúa avanzando no proceso de formación do sector turístico galego, unha aposta na que, desde o comezo da pandemia, se viu fortalecida pola posta en marcha de múltiples accións de formación co obxectivo de dar resposta á nova realidade. Ata a data de hoxe, un total de 2.289 profesionais certificáronse nos Manuais de Turismo de Galicia e máis de catro mil son usuarias da Plataforma de Formación Continua de Turismo de Galicia dende que se puxo en funcionamento o pasado mes de xuño.

Ademais, desde a declaración do Estado de Alarma celebráronse un total de 22 webinars e dúas mesas de debate, nos que participaron un total de 3.400 participantes e impartíronse máis de 6.500 horas de formación certificadas. No ámbito da formación en idiomas, á que agora se lle dá continuidade, participaron un cento de persoas ás que se lles impartiu 2.000 horas de formación certificadas. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre