Inicio Galicia A Xunta amplía o bono de 7000 euros de Emprega Xuventude a...

A Xunta amplía o bono de 7000 euros de Emprega Xuventude a todos os sectores para apoiar a contratación de 300 menores de 30 anos

0

A Consellería de Economía, Emprego e Industria inviste preto de 1,9M de euros co obxectivo de mellorar a situación profesional dos mozos e mozas galegos, con especial atención aos que carecen de experiencia laboral

A Xunta dá continuidade este ano ao programa Emprega Xuventude, unha experiencia piloto que se puxo en marcha o pasado ano, coa que se busca mellorar a situación profesional da mocidade galega, con especial atención aos que carecen de experiencia laboral. A través dun bono de 7000 euros, esta iniciativa financia nas empresas a formación á carta dos traballadores e incentiva a súa contratación. Este ano, como novidade, amplíase o programa a todos os sectores de actividade (en 2017 limitouse ás empresas da Industria 4.0 e a agroalimentación) para contratar 300 menores de 30 anos. Para iso, a Consellería de Economía, Emprego e Industria investirá preto de 1,9 millóns de euros.

O bono formación de 2000 euros concédese ás empresas para que poidan impartir cualificación á carta e axustada ás súas necesidades, é dicir, a formación céntrase nas características do posto para o que é contratado o mozo ou moza. Nesta edición, como novidade, este bono será opcional. Ademais, para incentivar a contratación, outórgase, tamén ás compañías, un bono de 5000 euros para apoiar a contratación ao longo dun ano como mínimo.

Outra das novidades deste ano, ademais da ampliación a todos os sectores de actividade e do carácter opcional do bono formación, é que se elimina o número mínimo de traballadores a contratar por parte das empresas para que poidan ser beneficiarias das axudas.

O obxectivo de Emprega Xuventude é impulsar o emprego estable e de calidade entre a mocidade, axudando ao tecido empresarial galego a gañar en competitividade ao dispoñer de persoas traballadoras axustadas as súas necesidades e contribuíndo a fixar poboación xuvenil nas vilas e cidades galegas. O que se pretende, en definitiva, é satisfacer a necesidade das empresas galegas de contar con traballadores cuns perfís axeitados aos postos de traballo que demandan e á forma de produción, incluíndo as liñas máis innovadoras e as novas tecnoloxías ao servizo da produción. En xeral, as empresas poderán presentar as solicitudes a este programa ata o 30 de setembro.

A mocidade é un colectivo prioritario para o Goberno galego que traballa, a través da Axenda 20, en medidas para impulsar o seu acceso a un emprego. Entre 2012 e 2017, o Goberno galego investiu en políticas activas de emprego dirixidas especificamente á mocidade preto de 223 millóns de euros, o que permitiu favorecer o traballo de máis de 211.300 mozas e mozas a través de programas de formación ou incentivos á contratación e apoio ao emprego autónomo, entre outras medidas.

Esta folla de ruta recolle para este ano axudas por valor de preto de 7,5 millóns de euros, como as destinadas para autónomos e coas que se apoia o inicio de actividade con 4000 euros. Tamén poranse en marcha obradoiros de emprego xuvenil específicos para a mocidade e apoios para a contratación de menores de 30 anos por parte das entidades sen ánimo de lucro.

Do que se trata con todas estas actuacións é identificar saídas laborais para os novos perfís profesionais e poder, desta forma, anticiparse ás novas tendencias nos sectores estratéxicos, poñendo en marcha accións de capacitación e especialización.

O obxectivo final é seguir reducindo o desemprego entre este colectivo como leva acontecendo nos últimos 5 anos nos que Galicia rexistrou unha caída do paro xuvenil na evolución anual (desde novembro de 2012). Nos últimos 12 meses (comparativa marzo 2017/marzo 2018), o paro xuvenil reduciuse nun 14,13% e o ano pasado pechouse cun incremento do 18,08% da contratación indefinida deste colectivo. 

No hay comentarios