Inicio Galicia A Xunta amplía ata os 1,1 millóns de euros o orzamento das...

A Xunta amplía ata os 1,1 millóns de euros o orzamento das indemnizacións por sacrificio obrigatorio de gando para o ano 2019

0

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a correspondente Orde, que ten por obxecto seguir tramitando as solicitudes de indemnizacións presentadas e que cumpren cos requisitos establecidos na convocatoria

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe unha Orde da Consellería do Medio Rural pola que se amplía o crédito orzamentario para as indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de animais consonte aos programas oficiais de vixilancia, loita, control e erradicación das súas enfermidades. O incremento faise por un importe de 430.494 euros, polo que a achega total para este ano 2019 superará os 1,1 millóns de euros.

Esta medida adóptase para seguir tramitando as solicitudes de indemnizacións presentadas e que cumpren cos requisitos establecidos na convocatoria, publicada no pasado mes de xaneiro. Os beneficiarios destas achegas son os titulares de explotacións gandeiras correctamente rexistradas na Comunidade Autónoma que de forma obrigatoria, por orde da autoridade competente en sanidade animal da consellería, tivesen que sacrificar os seus animais por mor da aplicación de programas e actuacións oficiais de vixilancia, loita, control e erradicación das súas enfermidades.

Para ter dereito a estas indemnizacións é imprescindible cumprir a normativa en vigor sobre sanidade animal, identificación animal, movemento pecuario, benestar e alimentación animal. Ademais, tamén é de obrigado cumprimento estar ao día nos programas nacionais de vixilancia, loita, control e erradicación de enfermidades dos animais e que sexa efectivo o sacrificio obrigatorio dos animais, ordenado pola Consellería do Medio Rural.

Pódese consultar a orde na seguinte ligazón:https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2019/20190712/AnuncioG0426-080719-0004_gl.html  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre