Inicio Galicia A Xunta amplía ata o próximo 31 de decembro a renovación automática...

A Xunta amplía ata o próximo 31 de decembro a renovación automática da demanda de emprego

0
image_gallery.jpg

A Consellería de Emprego e Igualdade recorda que non será necesario renovar a demanda ata despois desa data


A Xunta de Galicia vén de ampliar ata o próximo 31 de decembro a renovación automática da demanda de emprego co obxectivo de evitar á cidadanía desprazamentos, polo que non será necesario renovar a demanda ata despois desa data.

As 54 oficinas de emprego, dependentes da Administración autonómica, están abertas desde o pasado 1 de xullo, logo de implementar un plan de continxencia para a reapertura, de acordo coa guía de recomendacións de seguridade e saúde fronte á covid-19 específica para oficinas de emprego, elaborada polo Instituto de Seguridade e Saúde de Galicia (ISSGA), que supuxo un investimento de máis dun 1,1 millón de euros.

Para garantir un adecuado control de aforo e acceso e organizar de forma axeitada os servizos á cidadanía, a atención presencial segue a realizarse exclusivamente a través do sistema de cita previa. Deste xeito, pode solicitarse con 24 horas de antelación e por calquera persoa interesada, a través do Portal de Emprego Galicia (https://emprego.xunta.es/citaprevia/) ou do servizo de atención telefónica 012.

No mesmo senso, a Consellería de Emprego e Igualdade, a través do Servizo Público de Emprego da Xunta (Emprego Galicia) segue a fomentar e ampliar os seus servizos non presencias, a través da oficina virtual do Portal de Emprego e da aplicación para teléfonos móbiles Mobem. Estes servizos permiten, entre outros, obter informes sobre a demanda de emprego con sinatura dixital, a solicitude de cursos de formación e a adscrición a ofertas de emprego. Nas seguintes semanas poñerase en marcha, ademais, unha nova oficina virtual para empresas.

A Xunta, así mesmo, co obxectivo de facilitar á cidadanía a realización destes trámites, está a desenvolver un programa específico de titorización dixital básica para persoas demandantes, destinado a orientalas no uso das novas tecnoloxías como ferramenta para mellorar a súa empregabilidade e o seu proceso de busca de emprego.

Este programa, que pode ser solicitado pola cidadanía na súa oficina de emprego ou a través do seu persoal orientador, leva atendidas, desde a súa posta en marcha no mes de xullo, a máis de 11.600 persoas. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre