Inicio Galicia A Xunta amplía ata a vindeira semana o prazo de convocatoria das...

A Xunta amplía ata a vindeira semana o prazo de convocatoria das unidades formativas en empresas

0

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, visitou hoxe en Vigo a unidade formativa que, desde outubro, imparte a empresa de habilitación naval Navaliber

Ata o vindeiro día 11 de febreiro as empresas que vaian convocar unidades formativas para profesionais en activo ou para persoas desempregadas aínda poden solicitar as axudas que a Xunta pon á súa disposición, logo de que se ampliase a terceira convocatoria deste programa unha semana máis.

Desta ampliación do prazo de presentación de solicitudes deu conta hoxe o director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, nunha visita que realizou á unidade formativa da empresa Navaliber, en Vigo. Esta empresa de habilitación naval remata precisamente o vindeiro luns este curso formativo que imparte a través da Fundación Laboral da Construción entre 15 alumnos desempregados. Un curso sobre operacións de montaxe de elementos de habilitación para a construción naval que comezou o pasado mes de outubro e co que adquire un compromiso de contratación dun 40% dos participantes durante, polo menos, seis meses.

A terceira convocatoria deste programa de formación conta cun orzamento de 3,5 millóns de euros para formar a 2000 traballadores e persoas sen emprego en 160 unidades formativas. Do que se trata con esta medida é de dar resposta aos novos perfís profesionais que están xurdindo do novo modelo económico baseado nas novas tecnoloxías.

Nas Unidades Formativas na Empresa para desempregados investiranse 2 millóns de euros para formar a 1200 parados a través de 80 unidades. Doutra banda, para cualificar a 800 ocupados, destínanse 1,5 millóns de euros para poñer en marcha 80 cursos. No caso do programa para desempregados, a actuación inclúe por parte do tecido empresarial un compromiso de contratación de polo menos o 40% dos alumnos e alumnas que participen na medida, o que implica 480 persoas.

A Xunta, ademais, apoia as compañías nas contratacións cando superen o compromiso fixado do 40%. Os contratos indefinidos financiaranse con axudas de entre 7000 e 16.000 euros. As contías máximas outórganse para os colectivos con especiais dificultades para atopar un emprego como son os parados de longa duración, persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, mulleres, maiores de 45 anos e emigrantes retornados. Tamén se bonifica con máis apoio nas contratacións cando a empresa está emprazada no rural galego.

No caso do programa para ocupados, as áreas máis destacadas son silvicultura, transformación da madeira, fabricación de compoñentes electrónicos e ordenadores, automoción, naval, aeronáutica, fabricación de mobles, edición de programas informáticos e telecomunicacións e actividades relacionadas coa informática.

Balance das convocatorias anterioresEn total, sumando as dúas primeiras convocatorias, a Xunta destina 7,4M€ para formar a 4.360 persoas desempregadas e ocupadas a través de 426 unidades formativas co obxectivo de mellorar a competitividade empresarial, a cualificación dos traballadores, así como a empregabilidade dos galegos e galegas. Ademais, este programa ten permitido a inclusión de 32 novas especialidades, a proposta das empresas, no catálogo formativo do Servizo Público de Emprego Estatal.

Trátase do programa de formación á carta que se imparte en empresas máis ambicioso de todo o Estado e que se enmarca na Axenda 20, a folla de ruta coa que o Goberno galego está impulsando o emprego estable e de calidade. Esta iniciativa tamén dá resposta aos obxectivos da Axenda Industria 4.0, que ten como un dos seus retos principais que o sistema formativo se oriente á realidade do tecido industrial, é dicir, á revolución tecnolóxica na que está inmerso o tecido produtivo galego.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre