Inicio Galicia A Xunta amplía ata 1,6M? as axudas do Bono Social Eléctrico que...

A Xunta amplía ata 1,6M? as axudas do Bono Social Eléctrico que garanten a subministración nos fogares con máis dificultades

0
image_gallery.jpg

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a ampliación de crédito desta orde de axudas que sumará 300.000 euros máis este ano co obxectivo de chegar ao maior número de beneficiarios posible


A Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, vén de ampliar o crédito das axudas do Bono Social Eléctrico para evitar os cortes de subministración nos fogares con máis dificultades. Así, tal e como recolle hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG), increméntase en 300.000 euros o orzamento destinado a estes apoios ata alcanzar 1,6 millóns de euros co obxectivo de chegar ao maior número de beneficiarios posible.

No que vai de ano xa se concederon 1.275.300 euros que permitiron apoiar a 3930 familias, cifras similares ás alcanzadas en todo o ano pasado. En concreto, a través desta orde de axudas, que agora se amplía, en 2019 aprobáronse tamén máis de 3900 apoios -o 17% a familias numerosas- por un importe de 1,27M€. Os apoios están dirixidos a consumidores vulnerables severos en risco de exclusión social co obxectivo de asegurar a este colectivo o acceso continuado á subministración de enerxía eléctrica en Galicia. Para acceder a estas axudas, os solicitantes deben ser persoas residentes en Galicia e titulares dun servizo de subministración eléctrica que teñan contratada a tarifa de último recurso e sexan consumidores vulnerables severos (por tanto beneficiarios do bono social estatal cun 40% de desconto) e estean en risco de exclusión social, termo que deberá ser acreditado mediante informe expedido polos servizos sociais dos concellos.

Os apoios, que se outorgan por concorrencia non competitiva a todos cantos cumpran os requisitos, serán dun 50% da factura eléctrica correspondente á vivenda habitual do solicitante e terán unha contía máxima anual de 300 ou 450 euros -no caso de familias numerosas-. Esta cantidade, unida ás axudas estatais, permitirá que as familias con máis dificultades non teñan que pagar pola súa factura eléctrica, garantindo, deste xeito, o acceso continuado á subministración nos fogares máis vulnerables e dando resposta a unha necesidade básica dos cidadáns, pois non se lles poderá cortar o servizo mentres sexan beneficiarios desta axuda.

A presentación de solicitudes será preferentemente telemática e para dar axilidade ao procedemento, establécese un prazo máximo dun mes desde a presentación da solicitude ata a súa resolución, polo que unha vez que se comprobe que se cumpren os requisitos, realizarase o pago por parte da Consellería de Economía, Empresa e Innovación directamente aos comercializadores de referencia cos que se renovou o protocolo de colaboración para todo este ano 2020 -Iberdrola, EDP, Endesa, CHC, Viesgo e Gas&Power-. Este pago realizarase de xeito mensual, segundo se vaian remitindo as facturas.

Con esta liña de axudas, adaptada á normativa estatal, a Xunta segue fiel ao seu compromiso coas familias máis desfavorecidas que non contan coa posibilidade de facer fronte ás súas facturas eléctricas. Asegúrase, así, o acceso a unha necesidade tan básica como é a enerxía eléctrica, garantindo que non se produzan cortes no servizo, xa que a normativa estatal establece que os puntos de subministración deste tipo de beneficiarios serán considerados esenciais e, polo tanto, non se lles poderá cortar sempre e cando exista o oportuno convenio entre a Administración autonómica e as comercializadoras. Galicia xa foi pioneira nesta liña de axudas no ano 2018, cando se atenderon 1432 solicitudes.

Bono social térmicoComo complemento a estas axudas, a Xunta de Galicia, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), distribuirá 6,3 millóns de euros do Bono social térmico. Transferidos os fondos polo Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE), a cantidade será ingresada na conta corrente na que o beneficiario ten domiciliado o pago da súa factura da luz, co obxectivo de apoiar os gastos de calefacción, auga quente e cociña sexa cal sexa o sistema que empregue (gas, eléctrico, gasóleo…). Agárdase que a medida poida chegar a 87.000 familias galegas que xa se están beneficiando do Bono social eléctrico.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre