Inicio Galicia A Xunta amplía as axudas ao talento audiovisual un 14% ata os...

A Xunta amplía as axudas ao talento audiovisual un 14% ata os 178.000 euros para chegar a 19 proxectos beneficiarios

0

O DOG publica a resolución pola que se introduce esta medida de apoio ao sector no marco do plan autonómico de reactivación da cultura


O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a resolución pola que a Xunta modifica a convocatoria de subvencións ao talento audiovisual galego para ampliar ata 178.000 euros a súa dotación económica e ata 19 o número de proxectos beneficiarios. Trátase dun incremento do 14% respecto da contía inicialmente convocada, co que se materializa unha das medidas de apoio ao sector recollidas no Plan de reactivación da cultura e do turismo fronte aos efectos da covid-19.

Aumentan tamén as propostas que serán impulsadas mediante estas axudas, que pasan de 15 a 19, de xeito que se reservan 40.000 euros para a escrita de oito guións de longametraxes cinematográficas en galego e 48.000 euros para a produción de oito curtametraxes en versión orixinal galega, ademais de se manter os 90.000 euros destinados a cofinanciar tres longameraxes con dirección novel.

Esta ampliación das subvencións de creación audiovisual para o desenvolvemento e promoción do talento galego insírese na serie de modificacións extraordinarias das convocatorias ao sector cultural que recolle o Plan de reactivación da Consellería de Cultura e Turismo, aprobado o pasado mes de abril, como xeito de inxectar novos investimentos, reconfigurar o orzamento público e desenvolver medidas específicas para darlles resposta ás necesidades actuais da industria cultural.

Incorporar nova creaciónA Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) encárgase da xestión destas subvencións autonómicas ao talento. O seu obxectivo é favorecer a incorporación da nova creación á industria galega coa finalidade de promover a xeración de propostas narrativas de especial valor cinematográfico, así como de contribuír ao enriquecemento cultural de Galicia mediante as distintas formas de expresión audiovisual.

Nos vindeiros días publicarase no web www.agadic.gal a relación das 19 propostas adxudicatarias desta liña de apoio, mediante a que o ano pasado se impulsaron tres proxectos de realizadores que están a dar os seus primeiros pasos no formato de longa duración: O auto das ánimas, de Pablo Lago Dantas; Luz Fandiño, a poeta analfabeta, documental de Sonia Méndez; e Jacinto, de Vizuals Lab con dirección de Javi Camino. Así mesmo, apoiáronse os proxectos de guión presentados por Lara Bacelo, Anxos Fazáns, Álvaro Gago, Javier Ferreiro López, Eloy Domínguez Serén e Alfonso Vázquez Cortizo, ademais das curtametraxes de Nuria Mosqueira, Brandán Cerviño, Santiago Diéguez, Noelia Muíño, Iván Torres Hernández e Antonio García Mejuto.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre