Inicio Galicia A Xunta amplía a escola infantil de Arzúa ata as 74 prazas...

A Xunta amplía a escola infantil de Arzúa ata as 74 prazas e eleva a ratio de atención pública á infancia ao 74%, máis do dobre do que recomenda a Unión Europea

0

O Goberno galego investiu 100.000 euros para ampliar en dúas unidades o centro e pasar así das tres ás cinco aulas

A conselleira de Política Social, Fabiola García, salientou que a Xunta de Galicia ampliou a escola infantil de Arzúa ata as 74 prazas, 33 máis que as que había no curso pasado e coas que se eleva a ratio de atención pública á infancia ao 74%, máis do dobre do que recomenda a Unión Europea. Fíxoo esta mañá durante a visita que realizou ao centro para comprobar as obras que permitiron esta ampliación.

A Administración autonómica achegou 100.000 euros para realizar as actuacións necesarias para aumentar as unidades desta escola infantil. Así, construíuse un espazo anexo ao edificio para incluír dúas novas aulas, un baño e un almacén. Tamén se colocaron celosías na fachada e antipilladedos para garantir a proteccións dos pequenos.

As obras de ampliación, que finalizaron antes de que comezase o curso, permitiron que que todas as nenas e nenos de Arzúa e os concellos limítrofes que solicitaron praza nesta escola a teñan. Ademais, desde este mes de febreiro as cativas e cativos contan cunha educadora máis.

Gratuidade desde o 1 de abrilAsí mesmo, Fabiola García destacou que a familia é uns dos piares fundamentais da política social da Xunta. Por iso, o Goberno galego pon en marcha medidas históricas como que a partir do 1 de abril as familias galegas terán gratuíta a escola infantil para os segundos fillos e sucesivos. En concreto, neste centro poderían beneficiarse desta decisión 21 nenas e nenos.

Cómpre recordar que esta iniciativa pioneira e sen precedentes en toda España implantarase tanto nas escolas públicas da Xunta, como nas privadas e de iniciativa social; beneficiará ás familias duns 12.500 nenas e nenos en toda Galicia; e suporá un investimento neste 2020 de máis de 14 millóns de euros.

Tal e como recolle a Lei de acompañamento dos orzamentos de 2020, a partir do curso 2020/21 a Xunta apoiará aos concellos que queiran introducir esta medida nas escolas infantís da súa competencia, sempre e cando estean ao día dos seus pagamentos ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre