Inicio Galicia A Xunta amplía a alerta laranxa vixente por vento que pode acadar...

A Xunta amplía a alerta laranxa vixente por vento que pode acadar refachos que superen os 120 km/h nalgunhas zonas da comunidade galega

0

Ademais, esténdese a alerta por vento ao interior de Lugo e ao noroeste de Ourense, estando o resto da comunidade en nivel amarelo


A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta informa que a se amplía a alerta laranxa por vento vixente na nosa comunidade ao interior de Lugo e ao noroeste de Ourense, e ademais esta tarde espéranse refachos de vento que poden superar os 120 km/h nalgunhas zonas da comunidade.

Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), espéranse ventos do sur ou suroeste que poden superar os 120 quilómetros por hora e que afectarán a partir das 16 h de hoxe a algunhas zonas da nosa comunidade. As zonas afectadas son as provincias da Coruña e Pontevedra, interior e Mariña de Lugo e noroeste de Ourense. No resto da comunidade o nivel de alerta será amarelo.

Segue activada a alerta por temporal costeiro de nivel laranxa no litoral das provincias da Coruña e Pontevedra. Agárdanse ventos do sur ou do suroeste que poden acadar forza oito. E a alertas laranxa por chuvias intensas e persistentes durante toda a xornada de mañá no oeste, no interior e no suroeste da provincia da Coruña, onde se esperan precipitacións acumuladas de ata 90 mm en 12 horas.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.

Suspensión das actividades no exteriorA Comisión Escolar de Alertas decidiu suspender hoxe as actividades no exterior dos centros educativos radicados nas zonas decretadas con alerta laranxa por refachos de vento superiores a 100 quilómetros por hora. Segundo o establecido por Meteogalicia, este fenómeno adverso afectará ás zonas de predición meteorolóxica da totalidade das provincias de Pontevedra, A Coruña e a Mariña de Lugo. Para o caso de que as circunstancias da localidade onde se atopa o centro supuxesen un risco superior ao declarado e pasase a unha declaración de nivel superior, as direccións poderán adoptar as decisións oportunas respecto da suspensión das actividades extraescolares.

Do mesmo xeito, a Secretaría Xeral para o Deporte vén de instar á suspensión de todas as actividades deportivas ao aire libre nas zonas afectadas. A Secretaría Xeral para o Deporte pretende deste xeito preservar a seguridade dos deportistas, adestradores, árbitros ou xuíces, afeccionados, operarios e garantir que non se produza incidencia algunha nas instalacións.

A listaxe de concellos incluídos en cada zona climática pode consultarse na páxina web de Meteogalicia.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre