Inicio Galicia A Xunta alerta para mañá dun temporal de nivel laranxa costeiro e...

A Xunta alerta para mañá dun temporal de nivel laranxa costeiro e de vento nas provincias da Coruña e Lugo

0

En terra, espéranse refachos de vento que poden chegar aos 100 quilómetros por hora no noroeste da Coruña e na Mariña lucense


A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta activa para mañá unha nova alerta laranxa por temporal costeiro e por vento en terra que afectará ás provincias da Coruña e Lugo.

Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), desde esta medianoite ata as primeiras horas de mañá, esperánse ventos do sur con cambios bruscos ao oeste e ao noroeste, que poden acadar os 100 quilómetros por hora e que afectarán ao noroeste da provincia da Coruña e á Mariña de Lugo.

A Xunta lembra que, co vento, o mobiliario urbano pode desprazarse e os restos de árbores e pólas que puideron caer á vía poden condicionar a circulación. Tamén se lle recorda á poboación a importancia de seguir as medidas de protección como retirar os obxectos que poidan caer á rúa dende os tellados, balcóns e fiestras e evitar pasar preto de edificios en ruínas, en construción, árbores, paneis publicitarios e obxectos susceptibles de desprazarse co vento.

A Axencia Estatal de Meteoroloxía tamén alerta dun episodio adverso costeiro de nivel laranxa no suroeste da provincia da Coruña que comezará mañá ao redor das 09.00 horas e que se prolongará ata as 15.00. Agardáse mar combinada do noroeste con ondas de 5 a 6 metros segundo a zona.

Ademais, o litoral da provincia de Lugo e o noroeste e o oeste da costa da Coruña continuarán, ao igual que hoxe, toda a xornada en alerta laranxa por ventos do sur de forza 8 e 9 e mar combinada do noroeste con ondas entre 5 e 7 metros.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.

Debido ao temporal costeiro, recoméndase permanecer lonxe da liña de costa, así como evitar aproximarse a diques, rompentes, paseos marítimos, espigóns, peiraos e todas aquelas zonas que poidan ser varridas polo mar co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos. Tamén se recomenda extremar as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar.

Ademais, aconséllase consultar a páxina web do CAE 112 (www.112galicia.org ), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre