Inicio Galicia A Xunta alerta dun temporal de nivel laranxa costeiro e de vento...

A Xunta alerta dun temporal de nivel laranxa costeiro e de vento e chuvia nas provincias da Coruña, Pontevedra e Lugo

0

Mañá suspenderanse as actividades no exterior nos centros educativos da totalidade das provincias da Coruña, Pontevedra e da Mariña de Lugo e tamén as actividades deportivas ao aire libre nestas zonas, onde se esperan refachos de máis de 100 quilómetros por hora


A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta activa unha alerta laranxa por temporal costeiro que afectará desde esta madrugada ao litoral da Coruña e Pontevedra, e tamén por vento nestas dúas provincias e en Lugo, ademais de por chuvias na Coruña.

Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), espéranse ventos do sur ou do suroeste que poden acadar os 100 quilómetros por hora e que afectarán a partir de mañá ás provincias da Coruña e Pontevedra e na Mariña de Lugo. No resto da comunidade o nivel de alerta será amarelo con refachos de ata 95 quilómetros por hora.

A AEMET tamén alerta dun fenómeno meteorolóxico adverso costeiro de nivel laranxa no litoral das provincias da Coruña e Pontevedra. Agárdanse ventos do sur ou do suroeste que poden acadar forza oito.

Ademais, activarase a alerta laranxa por chuvias intensas e persistentes durante toda a xornada de mañá no oeste, no interior e no suroeste da provincia da Coruña, onde se esperan precipitacións acumuladas de ata 90 mm en 12 horas.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.

Suspensión das actividades no exteriorA Comisión Escolar de Alertas decidiu suspender mañá as actividades no exterior dos centros educativos radicados nas zonas decretadas con alerta laranxa por refachos de vento superiores a 100 quilómetros por hora. Segundo o establecido por Meteogalicia, este fenómeno adverso afectará ás zonas de predición meteorolóxica da totalidade das provincias de Pontevedra, A Coruña e a Mariña de Lugo. Para o caso de que as circunstancias da localidade onde se atopa o centro supuxesen un risco superior ao declarado e pasase a unha declaración de nivel superior, as direccións poderán adoptar as decisións oportunas respecto da suspensión das actividades extraescolares.

Do mesmo xeito, a Secretaría Xeral para o Deporte vén de instar á suspensión de todas as actividades deportivas ao aire libre nas zonas afectadas. A Secretaría Xeral para o Deporte pretende deste xeito preservar a seguridade dos deportistas, adestradores, árbitros ou xuíces, afeccionados, operarios e garantir que non se produza incidencia algunha nas instalacións. A listaxe de concellos incluídos en cada zona climática pode consultarse na páxina web de Meteogalicia.

RecomendaciónsA Xunta lembra que, co vento, o mobiliario urbano pode desprazarse e os restos de árbores e pólas que puideron caer á vía poden condicionar a circulación. Tamén se lle recorda á poboación a importancia de seguir as medidas de protección como retirar os obxectos que poidan caer á rúa dende os tellados, balcóns e fiestras e evitar pasar preto de edificios en ruínas, en construción, árbores, paneis publicitarios e obxectos susceptibles de desprazarse co vento.

Ante as fortes chuvias, aconséllase circular con precaución e informarse antes do estado das estradas, non atravesar zonas inundadas ou que poidan chegar a asolagarse (pontes, torrentes, etc.), non aparcar nas ribeiras dos ríos e non utilizar vehículos lixeiros nin de pouca estabilidade ( bicicletas ou ciclomotores).

Debido ao temporal costeiro, lémbrase a importancia de permanecer lonxe da liña de costa e das praias e paseos marítimos co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos. É preciso evitar aproximarse a diques, rompentes, espigóns, peiraos e todas aquelas zonas que poidan ser varridas polo mar.

Por mor da alerta laranxa no litoral, tamén se aconsella a suspensión das actividades pesqueiras e marisqueiras como medida preventiva naquelas zonas máis perigosas, así como extremar as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e revisar os cabos e amarres das embarcacións.

Ademais, recoméndase consultar a páxina web do CAE 112, que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre