Inicio Galicia A Xunta alega o decreto estatal sobre nutrición dos solos agrarios para...

A Xunta alega o decreto estatal sobre nutrición dos solos agrarios para adaptalo ás explotacións galegas e reclama a súa implantación gradual para non prexudicar o sector

0
image_gallery.jpg

José González reclamou que se teñan en conta os condicionantes naturais de Galicia, como a orografía accidentada, a climatoloxía atlántica ou a existencia de numerosos canles fluviais


A Xunta presentará un total de 22 alegacións ao proxecto de decreto estatal sobre nutrición dos solos agrarios, co fin de adaptalo ás explotacións galegas e reclama, ao tempo, a súa implantación gradual para non prexudicar o sector. Así o explicou hoxe en rolda de prensa o conselleiro do Medio Rural, José González, quen esixiu que se teñan en conta as particularidades de Galicia na aplicación desta norma. González, que estivo acompañado polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, destacou que estas son alegacións elaboradas polo Goberno galego tendo en conta tamén as achegas das organizacións profesionais agrarias representadas no Consello Agrario, así como as máis representativas da Cornixa cantábrica.

O conselleiro advertiu que estas alegacións están feitas “desde a responsabilidade e na defensa dos nosos agricultores e gandeiros, sempre respectando e compartindo a preocupación polo medio ambiente que se aprecia no espírito desta norma”. Ao tempo, amosou a súa preocupación porque -advertiu- “a proposta do Ministerio de Agricultura non ten en conta as particularidades de Galicia e das nosas explotacións, que poderían sufrir un prexuízo moi superior ao beneficio ambiental que se pretende”.

Condicionantes naturaisNesta liña, o titular de Medio Rural demandou unha maior flexibilidade nas esixencias desta norma ás pequenas explotacións da nosa comunidade, tendo en conta diferentes factores, como son os condicionantes naturais de Galicia. Así, referiu entre eles a orografía accidentada, a climatoloxía atlántica ou a existencia de numerosos canles fluviais. Tamén, a escasa base territorial da maioría das explotacións galegas, formada ademais por moitas parcelas de pequeno tamaño e a especialización do noso sector agrario na produción leiteira.

Por iso, engadiu, a Xunta entende que a redución nas emisións de amoníaco e no lavado de nitróxeno nos solos agrarios atribuídas á gandaría en xeral están sobrevaloradas no caso de Galicia, especialmente no que atinxe ao sector do vacún. Ademais, o conselleiro xustificou esa demanda de flexibilizar as esixencias do real decreto porque as explotacións da nosa comunidade teñen, en moitos casos, unha importante porcentaxe de pastoreo na súa actividade. Advertiu que, polo tanto, a súa viabilidade podería verse comprometida pola perda de axudas da PAC, ao non cumprir a condicionalidade, e polos propios custos derivados da aplicación da norma.

Nesta liña, González trasladou que o Ministerio parte de datos incorrectos para facer os cálculos de emisións do sector de vacún de leite, xa que non aparece información sobre o tempo que pasan as vacas e a recría de leite en pastoreo. Isto, dixo, incumpre as directrices metodolóxicas internacionais que obrigan a separar adecuadamente as deposicións do gando fóra ou dentro da granxa e, polo tanto, este incumprimento metodolóxico é moi prexudicial sobre todo para as ganderías máis extensivas e ecolóxicas de Galicia e da Cornixa Cantábrica. Engadiu, ademais, que o fomento do gando en pastoreo está considerado como unha das mellores técnicas para reducir as emisións de amoníaco.

Neste contexto, José González pediu “proporcionalidade” nas cargas que impón o borrador canto á capacidade contaminante do esterco (por exemplo, porcino fronte a vacún), o tamaño das parcelas (latifundios fronte a minifundios), a pendente media dos predios ou a produción total de xurros da explotación. Reclamou ademais unha discriminación positiva para as explotacións con produción ecolóxica, por coherencia cos obxectivos do real decreto.

Dentro desa necesidade de adoptar todas estas medidas de xeito gradual e adaptado a cada territorio, o conselleiro dixo que cómpre ter en conta factores como os investimentos que deberán acometer os agricultores e gandeiros, a dispoñibilidade limitada no mercado dos equipos de aplicación dos xurros e o encarecemento destes equipos por mor do aumento da demanda. Por este motivo, demandou a garantía de liñas de axudas aos investimentos, que permitan a súa viabilidade económica.

En relación con este asunto, González lembrou que Galicia xa está a traballar nun proxecto de economía circular, que inclúe a xestión dos xurros excedentarios das explotacións e considerou que este tipo de actuacións ten que ser apoiado por todas as Administracións. Ademais, neste mesmo contexto, recordou que a Estratexia de dinamización do sector lácteo da Xunta incorpora tamén unha serie de medidas para impulsar accións de economía circular nas explotacións e máis concretamente para abordar a xestión e o correcto tratamento dos xurros. A maiores, lembrou que a Xunta traballa na redacción da futura lei galega para a xestión integral das dexeccións gandeiras, co obxectivo de ordenar a súa produción, recollida, transporte e almacenamento, sempre partindo do feito de que os gandeiros van poder facer auto-aplicacións dos xurros.

Por todas estas consideracións económicas, sociais e ambientais, o Goberno galego entende que non é o momento de aprobar esta nova norma, subliñou o conselleiro, quen engadiu que estamos nun intre de indefinición da futura PAC e aínda non están validados os ecoesquemas propostos por Galicia que deber servir de base para as pretensións deste real decreto.

Detalle das alegaciónsEn base a estas reflexións xerais, José González detallou algunhas das alegacións concretas presentadas por Galicia. Entre elas, destacou a necesidade dunha aplicación gradual da prohibición de usar produtos mediante sistema de prato, abanico ou canón. Deberíase, dixo, comezar polas explotacións de maior tamaño, que son as que máis volume de xurro xeran e acabar coas pequenas, que disporían dun prazo de dous anos para adaptarse. Tamén debería terse en conta unha gradación segundo o tipo de explotacións (e polo tanto, de residuos), empezando a aplicarse ás de porcino e rematando polas de vacún, engadiu. Sobre a orografía ou o tamaño das parcelas, Galicia propón que esta obriga non sexa de aplicación en parcelas inferiores a 1 hectárea ou con pendente superior ao 15%.

Sobre a obriga de que determinadas explotacións conten cun plan de aboado, a Xunta considera que se establecen unhas medidas demasiado esixentes para as pequenas explotacións, polo que debería definirse un límite inferior de tamaño (hectáreas) que exima do cumprimento ás granxas familiares ou de venda directa.

Custo elevado das análises de chansOutra alegación refírese ás análises de chans que propón o real decreto, e que se aprecia que supoñen tamén un custo elevado para as explotacións. Ademais, o texto fala de parcelas e isto non se considera operativo, porque pode obrigar a realizar centos de análises a unha soa explotación cun gran número de parcelas pequenas. Enténdese que é mellor facer as análises a nivel de explotación en función da súa superficie total, por exemplo.

Sobre o establecemento dunha rotación de cultivos de como mínimo un ciclo de tres anos en secano e dous en regadío, esta obriga valórase como demasiado restritiva e por iso proponse fixar as 10 hectáreas como superficie mínima total das explotacións obrigadas a adoptar estas medidas. Ademais, deberían excluírse expresamente destas rotacións os pastos permanentes.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre