Inicio Galicia A Xunta afianza cunha misión comercial as alianzas e oportunidades de negocio...

A Xunta afianza cunha misión comercial as alianzas e oportunidades de negocio iniciadas en China

0

O director do Igape, Juan Cividanes, encabeza a delegación impulsada en colaboración coa Cámara de Comercio da Coruña que participa na segunda Feira China International Import Expo


O director do Igape, Juan Cividanes, encabeza a misión comercial a China impulsada pola Xunta e a Cámara de Comercio da Coruña na que participan nove empresas galegas, que estarán presentes na China International Import Expo, evento internacional da importación no que a industria da alimentación ten un papel relevante e que abre as súas portas por segunda ano en Xangai.

Pescanova, Albo, Lanzal, Estrella Galicia, Vinigalicia, Feiraco-Clun, Leche Rio, Galmesano e Coren forman parte da misión que asiste á segunda edición desta feira internacional na que, desde mañá ata o domingo, se prevé que se dean cita más de 2800 empresas de 170 países, e na que a Comunidade terá unha presenza destacada cun espazo expositivo propio e coa celebración do Día de Galicia na xornada do 6 de novembro.

A participación galega na China International Import Expo busca consolidar as oportunidades de negocio xa abertas no país asiático e crear novas alianzas para o tecido empresarial, ademais de intensificar a posición dos produtos agroalimentarios de Galicia no mercado asiático.

Así, nos oito primeiros meses do ano, e con respecto ao ano anterior, as vendas a China de produtos galegos agroalimentarios e bebidas incrementáronse un 82,7%, acadando un volume de 64,5 millóns de euros. Tamén de xaneiro a agosto, o total das vendas galegas a China superou os 170 millóns de euros, o que supón un 26% máis que nos mesmos meses do ano pasado.

Durante a feira reforzarase a imaxe da marca Galicia coa presentación de produtos galegos, como conservas de peixe e mariscos, lácteos, carne e bebidas, e con actividades como obradoiros de cociña ou mostras culturais. O apoio do Goberno galego á delegación dá continuidade ás misións que tanto o presidente da Xunta como o conselleiro de Economía, Emprego e Industria realizaron a este país nos últimos dous anos.

Paralelamente a este evento, outras oito empresas galegas están a realizar unha misión comercial multisectorial do 2 ao 21 de novembro tamén en China e, ademais, en Taiwán. Impulsada polo Goberno galego en colaboración coa Cámara de Comercio da Coruña, a través do plan Foexga e do programa Sinerxía, esta acción ten por obxectivo impulsar a internacionalización do tecido produtivo galego e buscar novas vías de investimento e colaboración neses destinos para as empresas participantes.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre