Inicio Galicia A Xunta, Aena e o Concello de Santiago de Compostela impulsan unha...

A Xunta, Aena e o Concello de Santiago de Compostela impulsan unha nova oficina de turismo conxunta no aeroporto de Lavacolla

0

As novas instalacións terán nunha superficie de 100 m², nun espazo cedido por Aena, desde onde se facilitará información de toda a oferta da Comunidade


Santiago de Compostela, 23 de maio de 2018.- A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, asinou hoxe un convenio de colaboración co presidente de Aena, Jaime García-Legaz, e coa concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo de Santiago de Compostela, Marta Lois, que permitirá a creación dunha nova oficina de información sobre os recursos e a oferta turística de toda a Comunidade no aeroporto de Lavacolla.

Os servizos serán compartidos entre as administracións autonómica e local nunha superficie de 100 m² cedida de xeito gratuíto por Aena. Estará situada no vestíbulo de chegadas da terminal. Cun deseño actual, responderá ás necesidades dos viaxeiros e peregrinos e, en xeral, dos usuarios do aeroporto como potenciais turistas da ampla e atractiva oferta galega.“Esta oficina, exemplo de coordinación entre administracións, vai ser unha das principais portas de entrada ao turismo en Galicia”, afirmou en rolda de prensa Nava Castro, na que tamén participou o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro. Este novo servizo fortalecerá a calidade do destino e axudará a traballar pola diversificación de fluxos, contribuíndo a repartir por todo o territorio os beneficios de actividade turística, un sector que, como lembrou a responsable de Turismo, supón o 11% do PIB e o 12% do emprego.

A oficina de turismo do aeroporto de Lavacolla ofrecerá información de todos os recursos e os atractivos da Comunidade galega, eventos e actividades de interese, aloxamento, guías e axencias de viaxes, restaurantes, transporte, horarios de atención ou rutas, entre outros.

Reforzo das oficinasNo caso da capital galega, estas instalacións súmanse á nova oficina de turismo inaugurada o ano pasado na praza de Mazarelos e á existente no Centro Internacional de Acollida ao Peregrino da rúa Carretas. Forma parte dos obxectivos fixados na Estratexia do turismo de Galicia 2020, consensuada co sector en favor dun turismo de calidade e responsable.

A Estratexia 2020 outorga un relevante papel as oficinas de turismo, que contan con varias liñas de traballo simultáneas dedicadas á mellora de puntos de información en lugares como os aeroportos, fomentando a coordinación mediante a cooperación de toda a cadea de valor implicada no turismo e actualizando, así mesmo, os servizos prestados ao século XXI.

Cun orzamento inicial de preto de 152.000 euros, a nova oficina de turismo do aeroporto de Lavacolla comezará a funcionar este ano unha vez sexa instalada no espazo cedido.

Como lembrou Nava Castro, esta oficina “é xa necesaria na actualidade, pero aínda o será máis no vindeiro Xacobeo 2021”, unha celebración na que os diferentes departamentos da Xunta e do resto de administracións traballan coordinados cara a súa preparación.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre