Inicio Galicia A Xunta adxudicará en outubro a urbanización da fase 2 do polígono...

A Xunta adxudicará en outubro a urbanización da fase 2 do polígono das Gándaras e prevé licitar unha nova ampliación en 2021

0

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, reuniuse esta mañá con empresarios lucenses para trasladarlles os últimos avances e os próximos pasos do IGVS para mobilizar máis solo industrial na cidade da Muralla

O contrato para urbanizar a fase 2 do polígono empresarial das Gándaras, en Lugo, adxudicarase o próximo mes de outubro. Así o avanzou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen subliñou a importancia destes traballos para poder avanzar na ampliación deste parque e responder deste xeito á demanda de solo industrial existente na cidade amurallada.

Precisamente, a conselleira mantivo hoxe unha reunión de traballo con representantes da Asociación de Empresarios do Ceao e das Gándaras co fin de trasladarlles a situación actual deste último polígono e os próximos pasos previstos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) para poñer máis superficie a disposición do tecido empresarial lucense.

Nestes momentos, o 95% das parcelas dispoñibles e urbanizadas no polígono –un total de 115- están vendidas. Delas, máis de 90 xa contan con actividade empresarial e o resto, están en fase de asentamento por parte das empresas que as adquiriron.

Por iso, Vázquez Mejuto resaltou que “é evidente” que a demanda de solo nas Gándaras xustifica a súa ampliación, de aí a importancia de adxudicar canto antes a urbanización de 86.365 metros cadrados correspondentes á fase 2 do polígono.

Grazas a estes traballos, engadiu a conselleira, dotarase ao parque dunha ampla zona de aparcadoiro cun total de 530 novas prazas, tamén se executará unha praza pública de máis de 6.000 metros cadrados e urbanizaranse dúas parcelas, unha das cales xa foi adxudicada.

En todo caso, avanzou tamén que a intención do seu departamento é acometer a medio prazo unha nova ampliación nas Gándaras. Así, a chamada fase 3 permitirá incrementar a superficie do polígono noutros 67.127 metros cadrados e porá a disposición das empresas máis solo industrial neste parque, que se beneficia dunha bonificación do 50% dos prezos de venda desde que a Xunta puxo en marcha no ano 2015 o seu programa de incentivos para favorecer a implantación empresarial en polígonos da súa propiedade.

Modificación do proxecto sectorialA previsión é licitar o próximo ano a urbanización desta terceira fase do polígono industrial das Gándaras, da que se esperan obter 37 novas parcelas cunha extensión media duns 1.000 metros cadrados, atendendo á propia demanda das empresas de terreos máis pequenos, tal e como explicou a conselleira.

De feito, un dos motivos polos que a Xunta impulsou a modificación do proxecto sectorial deste polígono, sometida a información pública este verán e que prevé aprobarse a comezos de 2021, foi atender ás demandas do tecido empresarial e posibilitar así a adaptación do tamaño das novas parcelas á superficie que habitualmente máis se solicita.

Cunha extensión total de 2.135.512 metros cadrados e un investimento por parte da Xunta de preto de 40 millóns de euros, o polígono das Gándaras é contiguo ao do Ceao e ambos conforman unha área de forte crecemento empresarial e industrial e cunha boa accesibilidade desde a A-6. Esta localización garante as súas funcións de especialización, consolidación e reforzo da oferta empresarial existente na capital da provincia.

Por este motivo, Ángeles Vázquez enmarcou a ampliación do polígono empresarial de Lugo no obxectivo do Goberno galego de dotar ao conxunto de Galicia e, particularmente, a aquelas zonas con máis necesidade de solo industrial de “novas oportunidades de negocio e de emprego” mobilizando parcelas a prezos vantaxosos, grazas á súa política de incentivos e bonificacións.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre