Inicio Galicia A Xunta adxudica por preto de 65.000 euros as obras de restauración...

A Xunta adxudica por preto de 65.000 euros as obras de restauración da sancristía maior da catedral de Ourense

0

Acometeranse actuacións nas pinturas da bóveda, no pavimento ou no mobiliario histórico e renovarase a iluminación para destacar o valor deste espazo

A Xunta acaba de adxudicar por preto de 65.000 euros (63.760,95) as obras de restauración da sancristía maior da catedral de Ourense, tal e como recolle o Portal de Contratación do Goberno galego. As actuacións, que disporán dun prazo de execución de catro meses, terán como obxectivo mellorar a conservación e a protección deste espazo de gran valor que constitúe, xunto coas reformas do Pórtico do Paraíso e a fachada occidental, unha das intervencións máis significativas realizadas nos anos centrais do século XVI no templo ourensán.

Así, entre as accións que se levarán a cabo –e que se sumarán aos máis de 2 millóns investidos na Catedral de San Martiño na última década– destaca a restauración de pinturas e pátinas existentes na bóveda ou reformas no pavimento, na carpintería e mobiliario histórico ou nas reixas existentes. Ademais, renovarase o cableado eléctrico e implantarase unha luminaria axeitada que permita destacar o valor deste espazo. En paralelo, realizaranse traballos de limpeza e encintado de elementos escultóricos e outros de consolidación, rexuntado e cosido de gretas na bóveda.

Para poder desenvolver os traballos necesarios a Xunta asinou un convenio de colaboración coa Diócese de Ourense para a posta a disposición dos terreos e inmobles necesarios para a execución das actuacións de conservación e restauración en varios espazos eclesiásticos, entre os que se atopa a catedral de San Martiño de Ourense.

Grao de protección integralA catedral de San Martiño de Ourense ten a consideración de Ben de Interese Cultural, a declaración de monumento nacional e está incluída no ámbito do Plan de Reforma Interior (Pepri) do Casco Histórico da cidade cun grao de protección integral.

O templo comezou a construírse na segunda metade do século XII. A parte máis importante da catedral correspóndese coa planta de cruz latina románica, se ben ao longo do tempo fóronse engadindo novas edificacións. A sancristía atópase na fachada sur da catedral, ocupando o ángulo entre o cruceiro e o deambulatorio.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre