Inicio Galicia A Xunta adxudica por preto de 240.000 euros a construción da senda...

A Xunta adxudica por preto de 240.000 euros a construción da senda peonil e ciclista na estrada LU-633 en Portomarín

0

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que os traballos teñen un prazo de execución de seis meses


A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou a obra de construción dunha senda peonil e ciclista nunha marxe da estrada autonómica LU-633 en Portomarín, nun treito de 260 metros que forma parte do percorrido do Camiño Francés.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que o Portal de Contratos Públicos de Galicia vén de difundir a adxudicación dos traballos, á empresa Ovisa, por un importe de 239.858 euros e un prazo de execución de seis meses.

Balseiro explicou que o novo itinerario servirá para mellorar as condicións de seguridade dos peregrinos e dos peóns en xeral no seu percorrido por esta zona, desde a baixada do Camiño de Santiago -fronte ao albergue situado a esa altura da LU-633- ata a entrada da ponte de acceso á vila de Portomarín.

O delegado lembrou que este espazo “é un dos accesos principais á localidade para os miles de peregrinos que realizan a ruta xacobea, tanto a pé como a cabalo ou en bicicleta”. A senda farase pola marxe esquerda porque dese xeito é posible executar un itinerario continuo sen ter que cruzar a vía. No punto de inicio localízanse as escadas de baixada do Camiño Francés na beira dereita, polo que nesa parte complementarase cun pequeno treito de senda a ese lado da calzada e un paso de peóns.

Para acometer as obras será preciso executar pequenos desmontes e corrixir terrapléns. Nun treito incorporarase unha estrutura en voadizo para dispor dun ancho adicional, que contará cunha varanda. A finalidade da obra é ampliar a sección actual para poder albergar os elementos da nova plataforma, que servirá para reforzar a seguridade das persoas que se desprazan a pé, evitando que teñan que circular polo arcén.

Con este proxecto, concluíu o delegado, “o percorrido ganará en seguridade á vez que se aposta por un modelo de mobilidade sostible vinculado a unha práctica que cada vez é máis común nas nosas vilas e cidades: o uso de sendas peonís e ciclistas”.

Cómpre lembrar que nesta mesma estrada, a Xunta vén de adxudicar á empresa Bascuas por 48.300 euros a obra de modernización das beiravías e da varanda de seguridade emprazadas, neste caso concreto, ao outro lado do encoro. Amais entre os PK 73+120 e o 73+360 executarase no mes de xullo.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre