Inicio Galicia A Xunta adxudica por máis de 2,7 millóns de euros as obras...

A Xunta adxudica por máis de 2,7 millóns de euros as obras de remodelación dos Concheiros, na entrada do Camiño Francés en Compostela

0

Esta intervención transformarán o cruce entre a avenida de Lugo e a rúa dos Concheiros nunha gran praza de 6.000 metros cadrados, compatibilizando o tránsito prioritario dos peregrinos cun tráfico rodado fluído e seguro e facilitará a conexión co barrio das Fontiñas

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar por máis de 2,7 millóns de euros as obras de mellora e integración paisaxística do cruce da avenida de Lugo coa rúa dos Concheiros, no treito de entrada do Camiño Francés á cidade.

Esta intervención foi adxudicada á unión temporal de empresas Construcciones Orega S.

L. e Xestión Ambiental de Contratas, dispoñendo as obras dun prazo de 12 meses de execución.

Trátase dunha actuación integral, orientada a facer que o Camiño neste punto da cidade sexa máis identificable, buscando darlle en parte a continuidade que se viu truncada cando se executou a avenida de Lugo a modo de rolda urbana. E, ao tempo, procura a mellor integración paisaxística na trama da cidade, reordenando todos os accesos que conflúen no nó de Concheiros.

As obras, transformarán o actual nó nunha gran praza de 6.000 metros cadrados, onde se compatibilizará o tránsito ordenado e prioritario dos peregrinos cun tráfico rodado fluído e seguro, facilitando, ademais, a conexión de Concheiros co das Fontiñas.

Nesta intervención, a Xunta ten programada unha reordenación de todas as vías e accesos que conflúen no nó de Concheiros, facilitando movementos máis seguros, tanto para vehículos como para peóns e peregrinos.

A actuación inclúe tamén a creación dun gran espazo verde para o que se dará continuidade á ringleira de árbores existentes na avenida de Lugo cara arriba, ata o cruce de Concheiros, contribuíndo así a facer do Camiño unha ruta moito máis identificable.

De cara a reforzar a seguridade viaria da Avenida de Lugo -que manterá os dous carrís de baixada e de subida-, cambiarase o pavimento existente nese punto por un chan de lastras, para inducir á redución da velocidade, fomentando un maior respecto entre condutor e camiñante.

Así mesmo, co obxectivo de ofrecer unha maior continuidade á ruta xacobea no cruce dos Concheiros, e facer que a traza do Camiño sexa moito máis identificable para o peregrino, disporase nesa zona de iluminación específica que lle servirá de guía ao camiñante. Se instalará unha tira de luminarias colgantes no nó dos Concheiros que guiarán os seus pasos cara á Praza do Obradoiro.

No proxecto inclúese a execución de dúas novas glorietas que favorecerán o acceso ao barrio de Fontiñas e mellorarán os tráficos urbanos, facéndoo así o tráfico máis fluído.

Executarase unha primeira rotonda no cruce coa rúa Londres, que facilitará a mobilidade cara a equipamentos esenciais desa zona, como pode ser o Centro de Saúde ou o da Cruz Vermella. E outra glorieta máis arriba, no cruce do Conservatorio de Música e a actual estación de autobuses -no futuro o novo edificio administrativo da Cidade de San Caetano-, que fará os tráficos máis seguros, nunha contorna que rexistra gran cantidade de movementos cara estes equipamentos, e tamén de continuación cara a San Caetano ou cara a zona comercial das Cancelas.

Estas solucións de integración paisaxística pensadas para a avenida de Lugo na zona de Concheiros tamén servirán para mellorar os tráficos urbanos e suporán unha mellora significativa para todos os veciños de Fontiñas e tamén a contorna. Disporán dun barrio máis familiar e máis verde, máis integrado na cidade e máis unido ao de San Pedro, na liña con eses retos e obxectivos que a Xunta ten fixado para a Galicia da próxima década.

Esta actuación da Xunta se enmarca na estratexia de integración e mellora dos Camiños de Santiago á chegada a Compostela, que suporá un investimento total de 12 millóns de euros.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre