Inicio Galicia A Xunta adxudica por máis de 1 millón de euros a xestión...

A Xunta adxudica por máis de 1 millón de euros a xestión do novo Plan de Aforos, que ofrecerá unha radiografía dos 5.500 quilómetros de estradas autonómicas nos vindeiros tres anos

0
image_gallery.jpg

Este contrato estará vixente desde o 1 de xaneiro de 2021 e por un período de tres anos, recollendo a posibilidade de prórroga por dous anos máis, elevándose neste caso o investimento ata os 2 millóns de euros


A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar a xestión do novo contrato de xestión do Plan de Aforos das estradas da Xunta, que permitirá ofrecer unha radiografía completa e un coñecemento máis moderno e intelixente, co emprego de novas tecnoloxías, dos máis de 5.500 quilómetros de vías que compoñen a rede de titularidade autonómica durante os próximos tres anos.

Este contrato foi adxudicado á empresa Iceacsa Consultores, S.

L.

U. por importe de 1.073.896,28 euros e estará vixente a partir do 1 de xaneiro de 2021, por un período inicial de 3 anos. O contrato recolle a posibilidade de ser prorrogado outros dous anos máis, elevándose neste caso o investimento ata os 2 millóns de euros.

O novo Plan de Aforos proporcionará un coñecemento moderno, preciso e detallado sobre o tráfico que soportan as vías autonómicas para poder planificar e explotar acertadamente a rede viaria autonómica e racionalizar os investimentos.

O Plan de Aforos permite obter unha información valiosa para poder anticipar e planificar posibles melloras e investimentos, por exemplo, saber se é preciso realizar unha mellora nunha estrada, cando é necesaria unha ampliación de capacidade porque se rexistran circulacións moi elevadas ou se se é oportuno construír vías alternativas.

Ademais, posibilita a recompilación e análise dos accidentes que rexistra a rede autonómica de estradas para, a partir de aí, adoptar e planificar as medidas oportunas identificando, por exemplo, os treitos de concentración de accidentes existentes.

O novo contrato de servizos implicará o mantemento e explotación, durante os vindeiros tres anos, das 372 estacións de aforo fixas e móbiles existentes nas estradas autonómicas. Tamén prevé a realización dun estudo de tráfico, coa correspondente edición da memoria anual de tráfico, ademais dunha memoria de seguridade viaria e dun estudo de accidentalidade.

Como principais novidades, o Plan de Aforos recolle novos instrumentos como a medición dos aforos nas sendas peonís e ciclistas, datos que permitirán contrastar os tráficos que rexistran estes itinerarios, en época de verán, cando son máis empregadas, ou no inverno. Este novo instrumento xa se veu probando en sendas como a PO-308 en Portonovo, ou na estrada PO-552, moi frecuentada por ciclistas.

Novas ferramentas tecnolóxicasTamén se incorporarán ás estacións de aforo novas ferramentas tecnolóxicas que permitirán automatizar o envío de información, permitindo dispoñer dos datos en tempo real, incorporando a telexestión.

Ademais, buscarase unha reconstrución de datos máis achegada á realidade nas vías nas que non se realizan aforos permanentes, coa adquisición de datos de posicionamento de teléfonos móbiles anonimizados, que se analizarán con tecnoloxía big data. A través destes datos obterase información valiosa para a seguridade viaria e para a elaboración de mapas de velocidade, nos que se recolla a velocidade real en determinados puntos das estradas.

Trátase de implementar o uso das novas ferramentas tecnolóxicas, como os drons, os datos de telefonía ou o big data, para obter máis información e con maior rapidez de cara a poder adoptar as mellores decisións.

Os datos de tráfico indican que a rede de estradas de titularidade da Xunta rexistrou en 2019 un incremento anual do 2,6% en canto a quilómetros anuais percorridos polos vehículos. Ademais, as vías de altas prestacións de titularidade autonómicas veñen rexistrando un incremento significativo desde o ano 2015, ao asumir case o 45% dos vehículos/km cando tan só supoñen un 9% da lonxitude total da rede autonómica de estradas.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre