Inicio Galicia A Xunta adxudica por 659.000 euros as obras de mellora de cinco...

A Xunta adxudica por 659.000 euros as obras de mellora de cinco estacións de autobuses da provincia de Lugo

0

O delegado territorial da Administración autonómica, José Manuel Balseiro, sinalou que os traballos afectarán ás terminais de Monforte de Lemos, Sarria, Burela, Ribadeo e Viveiro

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de publicar na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia a adxudicación das obras de mellora das estacións de autobuses de Monforte de Lemos, Sarria, Burela, Ribadeo e Viveiro.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que os traballos foron adxudicados por 658.966 euros e teñen un prazo de execución de catro meses. Ademais, tamén se publicou na Plataforma a adxudicación dos servizos complementarios de dirección de execución e coordinación de seguridade e saúde destes traballos -por un importe de 18.150 euros- e a formalización do contrato de dirección das obras -o importe é de 13.866 euros-.

As actuacións afectarán a elementos estruturais das estacións, como cubertas, paramentos e pavimentos, e tamén a outras dotacións e servizos, co obxectivo de corrixir deficiencias e mellorar a comodidade e funcionalidade das terminais.

Contémplanse melloras nas cubertas, o acondicionamento de instalacións eléctricas e de iluminación, a reparación de pavimentos -principalmente na zona de circulación dos autobuses-, a realización de arranxos en aseos e falsos teitos das edificacións, o pintado de paramentos horizontais e verticais ou o amaño de cerramentos exteriores, así como reparacións de menor entidade segundo as necesidades detectadas en cada caso.

Tamén se inclúen melloras na dotación de equipamento, como pantallas para proporcionarlles ás persoas usuarias máis información sobre horarios, servizos e liñas dispoñibles, ou novo mobiliario para facer máis cómoda a espera.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre