Inicio Galicia A Xunta adxudica o servizo de explotación e mantemento da presa de...

A Xunta adxudica o servizo de explotación e mantemento da presa de Baiona por un investimento de preto de 200.000 euros

0

Este contrato ten como obxectivo realizar a conservación de todos os dispositivos de control, órganos de sumidoiro, accesos e demais instalacións, equipos auxiliares e sistemas de comunicación

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia vén de adxudicar o servizo de explotación e mantemento da presa de Baiona por un investimento de preto de 200.000 euros.

Este contrato foi adxudicado á empresa, Ain Active SLU, que asume todas as tarefas vencelladas coa conservación e adecuado funcionamento da presa deste concello pontevedrés, así como dos seus equipos e instalación. A duración do contrato é de 24 mesesCorrespóndelle á adxudicataria a realización dos traballos necesarios de conservación de todos os dispositivos de control, órganos de sumidoiro, accesos e demais instalacións, equipos auxiliares e sistemas de comunicación.

A presa de Baiona encora as augas do río Baíña e está situada no ámbito territorial da Demarcación Hidrográfica Galicia Costa. Ten unha altura sobre cimentos de 43,50 metros e un volume encorado de 0,64 Hm3.

Trátase dunha das principais infraestruturas de abastecemento de auga deste concello, xa que dende este encoro cáptase a maior parte da auga que a súa poboación demanda anualmente.

Esta infraestrutura é explotada pola Xunta, a través de Augas de Galicia, que apoia ao Concello no desenvolvemento das súa competencias de prestación do servizo municipal de abastecemento.

Deste xeito, debido á asunción por parte da Xunta destas tarefas de mantemento e explotación da presa, o Concello como titular do abastecemento de auga no municipio de Baiona, debe aboarlle á Administración autonómica o canon de regulación previsto pola Lei para asumir os gastos do encoro.

A Xunta vén de adxudicar tamén un contrato similar para a explotación e o mantemento da presa do Con, no Concello de Vilagarcía de Arousa. E tamén prevé licitar un contrato semellante para a presa de Eiras, en Vigo, no caso de que o Concello desta cidade, titular do sistema de abastecemento rexeite asinar o convenio coa Xunta para asumir estas tarefas e evitar así o pago do canon de regulación previsto na lei.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre