O estudo ten como obxectivo acadar unha alternativa para solucionar as carencias en materia de abastecemento e garantir un servizo axeitado aos veciños
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de adxudicar o contrato para estudar a viabilidade dunha captación no río Deza para a mellora do sistema de abastecemento ao Concello de Lalín.
Este contrato, adxudicado a Ingeniería del Noroeste, S.
L. por un orzamento de case 18.000 euros, terá un prazo de execución dunhas seis semanas.
O estudo ten como obxectivo acadar unha posible alternativa para solucionar as carencias do Concello de Lalín en materia de abastecemento e garantir un servizo axeitado aos veciños.
Nunha primeira fase estudarase a demanda actual de auga potable no Concello de Lalín, tendo en conta a poboación e as actividades agropecuaria e industrial. Posteriormente, avaliarase o réxime hidrolóxico e a calidade da conca do río Deza, dende o seu nacemento ata a praia fluvial de Vilatuxe, para analizar a posibilidade do seu aproveitamento para o servizo público de abastecemento.
No caso de que os estudos conclúan que o recurso dispoñible nas captacións analizadas é apto en cantidade e calidade para mellorar o subministro, xa nunha segunda fase avaliarase o trazado máis adecuado para a súa canalización ata a potabilizadora.
Na actualidade o Concello de Lalín dispón dun sistema de abastecemento de auga potable que se alimenta mediante bombeo e impulsión en dúas captacións con azud no río Asneiro, afluente do Deza. A captación máis antiga está situada nas proximidades do polígono industrial de Botos e a máis recente na parroquia de Catasós.
Desde estas captacións bombéase a auga ata unha ETAP situada na zona alta do núcleo urbano de Lalín, onde se potabiliza e almacena o recurso tratado nun depósito, do que parte a rede xeral de distribución que sirve á poboación e á actividade industrial.