Inicio Galicia A Xunta adxudica o contrato para a construción do centro de saúde...

A Xunta adxudica o contrato para a construción do centro de saúde do Milladoiro, en Ames, por 2,3 millóns de euros

0

A obra ten un prazo de execución de 17 meses

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2018.- A Xunta, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, vén de adxudicar, por un valor total de 2.371.847 euros, á empresa Construcións Ramírez, S.

L.

U., a construción do centro de saúde do Milladoiro. Os traballos teñen un prazo de execución de 17 meses.

O futuro centro de saúde disporá dunha superficie construída de arredor de 2.100 m2. O edificio está composto basicamente dunha planta, á que se accederá dende a parte alta da parcela, destinada ás zonas de uso público. Como o terreo ten unha pendente, na zona onde a superficie é máis baixa hai tamén unha planta -1, que albergará a zona restrinxida ao persoal, instalacións e almacéns.

O edificio contará cunha área de medicina con seis consultas de medicina xeral, catro de enfermería e cadansúas consultas de farmacia, odontoloxía e hixienista dental; ademais dunha sala de toma de mostras, dúas salas de técnicas e outras dúas salas polivalentes.

Pola súa banda, a área pediátrica terá dúas consultas de pediatría e unha consulta de enfermería pediátrica; mentres que a área da muller terá unha consulta de matrona e unha sala de educación para a saúde. O centro terá así mesmo unha área de fisioterapia e rehabilitación, un despacho para o traballador social, unha área de persoal e disporá dos servizos de apoio e administrativos necesarios para o funcionamento das instalacións.

Este novo centro da rede sanitaria pública galega, que atenderá unha poboación de arredor de 14.000 persoas, suporá que tanto os profesionais como os usuarios dispoñan dunha infraestrutura moderna e adaptada ás súas necesidades, dando unha mellor resposta ás necesidades de saúde presentes e futuras dos veciños de Ames.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre