Inicio Galicia A Xunta adxudica a restauración da igrexa de Nosa Señora das Dores...

A Xunta adxudica a restauración da igrexa de Nosa Señora das Dores cun investimento de preto de 240.000 euros

0
image_gallery.jpg

A intervención centrarase en resolver as patoloxías que impiden a súa utilización de forma segura e que cómpre solucionar de cara a evitar un maior deterioro


A Xunta de Galicia vén de adxudicar as obras para restaurar a igrexa de Nosa Señora das Dores, en Ferrol, cun investimento de preto de 240.000 euros. O obxectivo desta actuación é resolver as patoloxías que impiden a utilización de forma segura deste importante espazo eclesiástico para a celebración da Semana Santa ferrolá, declarada de Interese Turístico Internacional.

Así, durante un prazo previsto de seis meses, actuarase sobre a fachada, a estrutura, a cuberta e o sistema de evacuación de pluviais. Concretamente, cómpre incidir sobre a fachada, xa que esta se está abrindo e existe un progresivo desprazamento das torres que están provocando a fractura da bóveda e a fisuración polo lintel da porta e polo óculo da portada principal. Neste senso, o equipo técnico procederá ao atado da fachada mediante tirantes de aceiro e instalará, na coroación dos muros, un zuncho de formigón armado que sirva para ancoraxe.

A continuación, e co obxectivo de solucionar o deterioro da estrutura de madeira, se instalará unha estrutura composta por tres pórticos de aceiro galvanizado e se repararán ou substituirán as pezas da estrutura principal e dormentes que se atopen en mal estado. Por último, en lugar da actual, disporase unha cuberta de tella cerámica curva.

As actuacións impulsadas polo Goberno galego tamén incidirán no sistema de evacuación de pluviais, que actualmente está resolto con PVC e trazados demasiado complexos que non funciona axeitadamente. Así, disporase dun novo deseño de trazado da rede de evacuación composto por canlóns e baixantes de zinc e se repararán as fisuras e desconches producidas pola oxidación. Por último, desinsectarase a madeira, retirarase a vexetación da fachada e limparanse os muros do conxunto eclesiástico.

Rehabilitación dos bens vencellados á Semana SantaA igrexa da Nosa Señora das Dores é un ben de especial relevancia, tanto na Semana Santa como no Camiño Inglés, que foi realizado segundo o proxecto do arquitecto Antonio de Bada y Navajas. O templo, ademais de estar catalogado, inclúese no Plan Especial de Protección e Rehabilitación do Barrio da Magdalena, catalogado ben de interese cultural (BIC) coa categoría de conxunto histórico. Actualmente funciona ademais como sede da Confraría das Dores, unha das agrupacións máis importantes da Semana Santa ferrolán.

A actuación neste inmoble enmárcase no firme compromiso da Xunta de Galicia por restaurar, conservar e protexer o legado patrimonial da Comunidade, poñendo especial interese naqueles bens que, como a igrexa da Nosa Señora das Dores, están situados no trazado do Camiño de Santiago. Así, como parte desta aposta, o Goberno autonómico tamén ten en marcha en Ferrol a licitación das obras para restaurar a igrexa das Angustias cun investimento superior aos 120.000 euros.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre