Inicio Galicia A Xunta adxudica a redacción do proxecto construtivo para o abastecemento de...

A Xunta adxudica a redacción do proxecto construtivo para o abastecemento de Pantín, no Concello de Valdoviño

0

Este contrato, adxudicado por un importe duns 17.000 euros, conta cun prazo de execución de 6 meses

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de adxudicar o servizo para a redacción do proxecto construtivo da obra de abastecemento a Pantín, no concello de Valdoviño.

Os traballos foron adxudicados á empresa Alfredo Teijeiro Rodríguez por importe de 16.844 € e contan cun prazo de execución estimado de 6 meses.

A rede actual de Valdoviño dá servicio aos veciños do municipio situados na metade occidental do municipio. Con este contrato Augas de Galicia dá resposta a solicitude de apoio nas competencias do Concello para poder levar auga á metade oriental do municipio, chegando nunha primeira fase a Pantín.

Trátase de asegurar o subministro estival neste núcleo de poboación onde se atopa a praia de Pantín, na que anualmente se celebra a proba internacional do World Surf League, consolidada como o maior evento de surf en Europa. O ano pasado reuniu a máis de 100.000 persoas.

Os traballos consisten na redacción dun proxecto construtivo para o abastecemento de auga a Pantín, considerando nunha segunda fase a continuación ata Vilarrube, por medio dunha canalización partindo de Valdoviño e recorrendo os principais núcleos de Pantín.

Nos traballos analizaranse as dúas alternativas de trazado existentes, ben pola estrada autonómica AC-566, ou por camiños municipais. Tamén se terá en conta a necesidade de dispor de grupos de presión ou válvulas redutoras, se fose preciso.

Actualmente, o Concello de Valdoviño capta a auga do encoro das Forcadas, que abastece a todos os municipios da comarca, incluíndo Ferrol. A auga é tratada na estación do Cameleiro e almacenada en tres depósitos, dous situados o pé desta instalación, e un terceiro situado no Graño.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre