Inicio Galicia A Xunta advirte de que o Goberno de España non prevé investimentos...

A Xunta advirte de que o Goberno de España non prevé investimentos na depuradora de Ponteareas ata o ano 2021 e ignora as necesidades de Salvaterra de Miño

0

Vázquez Mourelle solicita unha xuntanza para abordar o financiamento de actuacións de saneamento declaradas de interese xeral do Estado en Galicia e outras necesidades na bacía da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil

A Xunta de Galicia advirte de que o Goberno de España non prevé investimentos nas obras de ampliación e mellora da depuradora de Ponteareas ata o ano 2021. Así se desprende da proposta de convenio sobre o financiamento dos traballos, remitida días atrás pola sociedade pública Acuaes ao concello pontevedrés e á Administración autonómica. Ademais, o Goberno galego lamenta a falta de resposta do Executivo central ante as demandas de colaboración trasladadas para solucionar as necesidades de saneamento dun municipio próximo, Salvaterra de Miño, igualmente prioritarias.

A Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, dirixiuse por carta ao secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, para insistir na solicitude, xa formulada, de que se reasignen a novos proxectos necesarios na nosa Comunidade os 56 millóns de euros de fondos europeos que estaban consignados a obras en Galicia que non se van poder executar no prazo estipulado pola UE.

Ethel Vázquez solicita a celebración dunha xuntanza urxente para que a Xunta e o Goberno de España poidan abordar conxuntamente, o antes posible, o financiamento tanto das obras declaradas de interese xeral do Estado en Galicia, como é o caso da depuradora de Ponteareas e o saneamento de Raxó, en Poio, como doutras obras necesarias en territorio pertencente á bacía de competencia estatal, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

No seu escrito, a conselleira lembra que a Xunta está preocupada polas necesidades de saneamento de Ponteareas pero tamén polas do concello de Salvaterra de Miño. A ese respecto, lembra que co obxectivo de avanzar nos distintos proxectos, o pasado 5 de novembro lle remitiu ao presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil os documentos técnicos da depuradora no Mendo e do colector en Oleiros. Esa solicitude non foi respondida.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre