Inicio Galicia A Xunta advirte a Bruxelas de que o recorte de cotas proposto...

A Xunta advirte a Bruxelas de que o recorte de cotas proposto para 2020 na pescada e no xurelo ten un impacto en Galicia de case 37 millóns de euros

0

A titular de Mar entregou ao representante do Executivo comunitario un informe de cada unha das especies que cifra o descenso de ingresos que esa medida tería nas lonxas da comunidade e nos 3.600 tripulantes da frota afectada


A conselleira do Mar, Rosa Quintana, reuniuse hoxe co director xeral en funcións da Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e da Pesca da Comisión Europea, Bernhard Friess, para analizar a proposta de totais admisibles de capturas (TAC) e cotas realizada polo Executivo comunitario de cara ao próximo ano e o impacto que pode ter no sector pesqueiro galego. Nese encontro a titular de Mar advertiu de que só os recortes propostos para a pescada e o xurelo en augas comunitarias provocarían un descenso na facturación das lonxas de Galicia de preto de 37 millóns de euros.

A representante da Xunta de Galicia presentoulle a Bernhard Friess un informe que avalía o impacto dos recortes propostos para a pescada -do 19% no caladoiro Cantábrico Noroeste e do 21% no Gran Sol- e cuantifica en 15 millóns de euros o descenso dos ingresos da frota galega que faena nestas augas. Sumando as descargas en Galicia de buques doutras comunidades ou estados membros, a perda de facturación nas lonxas sería de 22,8 millóns.

No caso do xurelo, sobre o que a titular de Mar tamén lle entregou un estudo de impacto económico ao representante do Executivo comunitario, a cifra de negocios dos barcos galegos do Cantábrico Noroeste caería en 13 millóns de euros, cantidade que ascendería ata os 13,8 millóns no caso da facturación das lonxas ao incluír as descargas de barcos foráneos. Todo pola proposta de Bruxelas de reducir un 41% a cota de xurelo no Cantábrico e un 50% a da zona IXa, nas augas que van de Fisterra ao golfo de Cádiz.

Rosa Quintana trasladoulle a Bernhard Friess a importancia destes recursos para o sector pesqueiro galego -a pescada é a primeira especie da comunidade en lonxa por facturación e o xurelo a primeira por quilos desembarcados- e a transcendencia de que ao fixar as posibilidades de pesca do ano que vén se teñan en conta tanto os aspectos medioambientais como os socioeconómicos. Neste sentido, a maiores dos descensos na facturación, a titular de Mar lembrou que da frota galega dedicada á captura da pescada e do xurelo dependen 3.600 tripulantes.

A representante do Executivo galego tamén incidiu nos sacrificios realizados pola frota galega nos últimos anos, que permitiron mellorar o estado dos recursos e que a maioría dos caladoiros nos que faena se atope en boa situación, no rendemento máximo sustentable, o que garante o mantemento da actividade a longo prazo.

Informes da cigala e da norma de aletas adheridasOutro dos asuntos tratados no encontro foi o estado da pesqueira de cigala no Cantábrico Noroeste. A conselleira do Mar presentou un informe sobre esta especie -elaborado polo sector en colaboración coa Xunta e que xa foi presentado ao Consello Galego de Pesca- que mostra que a situación do recurso é mellor da que a propia Comisión Europea recoñece.

Na xuntanza Rosa Quintana aportou un cuarto estudo relativo ao impacto que ten no palangre galego a non extensión da normativa de aletas adheridas a todas as frotas do mundo. Ese documento, elaborado pola Universidade de Santiago de Compostela e presentado ao sector no último Consello Galego de Pesca, revela que a prohibición de desembarcar as aletas dos tiburóns xa cortadas supón unha mingua nos ingresos da frota palangreira española -principalmente galega- de ata dez millóns de euros anuais e unha desvantaxe competitiva en relación cos barcos de países non comunitarios.

Os catro informes presentados hoxe ao representante do Executivo comunitario foron entregados onte pola conselleira do Mar á secretaria xeral de Pesca, Alicia Villauriz, para que o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación os teña en conta de cara ao Consello de Ministros de Pesca de decembro no que se fixarán os TAC e cotas das distintas especies en augas comunitarias para 2020.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre