Inicio Galicia A Xunta adaptará a formación para o emprego para anticiparse aos novos...

A Xunta adaptará a formación para o emprego para anticiparse aos novos requirimentos do mercado de traballo

0

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, vén de reunirse en Santiago de Compostela co presidente da Confederación Española de Empresas de Formación (Cecap), Manuel Pérez

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2021.- A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, vén de reunirse en Santiago de Compostela co presidente da Confederación Española de Empresas de Formación (Cecap), Manuel Pérez, para afondar na abordaxe dunha nova etapa na formación para ao emprego que teña como prioridade as necesidades do mercado a medio e longo prazo.

A conselleira subliñou a responsabilidade das Administracións públicas cara ao deseño de respostas adaptadas á realidade cambiante do actual contexto socioeconómico que, segundo indicou, “teñen moito que ver coa mellora da formación e da orientación para o emprego, e tamén coa innovación tecnolóxica, a través duns servizos públicos 4.0”.

Lorenzana lembrou que a Xunta ten o compromiso, no eido de innovación, de reformar Servizo Público de Emprego, converténdoo na principal canle de intermediación do “ecosistema” laboral de Galicia. Para acadalo, estase a apostar pola modernización integral do mesmo, desde as oficinas de emprego ata a implantación dun novo software que optimice as tarefas relacionadas coa xestión do emprego e a formación.

Trátase de identificar, a través da Intelixencia Artificial e da Analítica Avanzada, as necesidades do mercado laboral en tempo real para “anticiparnos”, relatou Lorenzana, “adaptando a formación e os itinerarios formativos ás devanditas necesidades”.

Neste contexto, a Xunta avoga por analizar o cambio na demanda de competencias e cualificacións que deberá de afrontar o emprego nos próximos anos e as dificultades atopadas polas empresas para elaborar os programas de novas especialidade formativas. Por este motivo, a Consellería de Emprego e Igualdade está a abordar un estudo de tecnoloxías emerxentes, que permita formular unha proposta de catálogo formativo dos perfís profesionais que serán necesarios a medio e longo prazo.

O Goberno galego conta na actualidade cun ambicioso programa de cualificación dirixido tanto a persoas traballadoras desempregadas como ocupadas.

En 2021, incrementarase en 5 millóns de euros -ata acadar os 40 millóns- as axudas para a impartición de accións formativas para persoas desempregadas. O ano pasado realizáronse 841 cursos cun total de 10.549 participantes. O Plan de formación para o emprego, dirixido prioritariamente ás persoas traballadoras ocupadas, pola súa banda, contará cun crédito superior aos 5,5 millóns de euros para os anos 2021 e 2022.

Lorenzana quixo destacar o papel que a Cecap, composta por 17 organizacións de carácter autonómico -incluídas as asociacións provinciais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra- está a representar neste campo e agradeceu a súa implicación na necesaria recualificación dos traballadores e traballadoras para contribuír á aceleración da transformación de determinadas actividades do sector servizos e para garantir a súa mellor empregabilidade.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre