Inicio Galicia A Xunta adapta as axudas a festivais escénicos para incrementar ata o...

A Xunta adapta as axudas a festivais escénicos para incrementar ata o 60% a contratación de compañías galegas

0

A flexibilización das súas bases en aspectos como o aumento porcentual das formacións galegas en cartel ou do orzamento subvencionable é unha das medidas de apoio ás artes escénicas do Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria anual de subvencións a festivais profesionais de artes escénicas, que a Xunta dota con case 200.000 euros, ademais de adaptar as bases para facilitar a súa celebración no contexto poscovid-19 e aumentar ata o 60% a contratación de compañías galegas. Esta flexibilización forma parte do paquete de medidas específicas para o ámbito escénico do Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico.

En concreto, as axudas de 2020 impulsan a presenza de formacións galegas nos carteis, que agora deben supoñer un mínimo do 60% da contratación profesional artística do encontro ou do total das actuacións profesionais que ofreza, porcentaxe que o ano pasado se situaba no 20% e no 30%, respectivamente. Establecen, así mesmo, un aumento porcentual do orzamento que poden subvencionar os festivais a través desta convocatoria, que se eleva ata o 70% (85% no caso de solicitudes conxuntas de entidades locais ou de entidades resultantes de fusión) fronte ao 50% de 2019.

A flexibilización destas bases, mediante as que se busca facilitar as condicións de celebración dos eventos subvencionables, esténdese tamén ao mínimo de representacións con entrada de pago, que pasa do 50% de 2019 ao 30% da presente convocatoria. Como en anos anteriores, esta porcentaxe non será tida en conta para os festivais de rúa.

Convocadas anualmente pola Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), as subvencións a estes encontros de artes escénicas diríxense a entidades privadas ou entidades locais galegas organizadoras de festivais que se celebren entre o 1 de novembro de 2019 e o 31 de outubro de 2020, que conten cunha traxectoria de polo menos dúas edicións anteriores e que ofrezan nos seus carteis un mínimo de seis compañías, entre outros requisitos.

Eventos estratéxicosAs bases deste ano fan fincapé na necesidade de apoiar o sostemento deste tipo de eventos no contexto provocado pola declaración do estado de alarma diante da crise sanitaria do Covid-19, tendo en conta ademais o seu carácter estratéxico para o sector das artes escénicas en Galicia. As subvencións, para as que o prazo de solicitude estará aberto desde mañá ata o día 13 de xullo, serán concedidas mediante o procedemento de concorrencia competitiva. A través del, cada unha das solicitudes será avaliada, de acordo co baremo especificado nas bases, por unha comisión técnica no caso dos criterios automáticos e por outra formada por expertos independentes para a valoración artística.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre