Inicio Galicia A Xunta actualiza o baremo das compensacións aos colexios de avogados e...

A Xunta actualiza o baremo das compensacións aos colexios de avogados e procuradores por prestar asistencia xurídica gratuíta

0

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as cantidades que estarán vixentes ata o terceiro trimestre de 2020 e que inclúe un aumento correspondente á suba do IPC galego no ano 2018


O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as compensacións que recibirán no último trimestre deste ano e nos tres primeiros de 2020 os colexios de avogados e procuradores polas actuacións dos seus asociados na prestación da asistencia xurídica gratuíta durante este período.

O Goberno galego asinou en 2017 un acordo cos Consellos Galegos da Avogacía e da Procuradoría para fixar a quenda de oficio cunha vixencia de catro anos. Neste caso, para a terceira anualidade comprendida entre o cuarto trimestre deste ano e o terceiro de 2020, cuxa actualización recolle hoxe o DOG, terase en conta o IPC de 2018, o que supón un incremento do 1% nas retribucións.

Cada anualidade comprende catro trimestres, desde a tramitación e pagamento do último trimestre do ano e dos tres primeiros do seguinte exercicio. Para completar o acordo quedaría pendente outra actualización para a cuarta anualidade entre o cuarto trimestre de 2020 e no terceiro trimestre de 2021, na que o incremento se faría en base ao IPC galego deste ano.

Das catro anualidades que abarca o convenio, na primeira correspondente a 2017 consignouse un incremento do 10% cunha aportación dun millón de euros e en 2018 incrementouse de novo a súa asignación con 200.000 euros. Nesta terceira anualidade da que hoxe se publica a actualización dos baremos, aplicouse a variación do índice galego de prezos ao consumo do exercicio anterior e o mesmo se fará na cuarta e última.

Este acordo sitúa a Galicia á cabeza de España no referente ás remuneracións dos letrados da quenda de oficio. A Administración autonómica vén introducindo nos últimos anos melloras na xestión deste servizo, o que ten convertido a Galicia nunha comunidade que paga pronto e puntualmente as certificacións remitidas polos colexios profesionais de avogados e procuradores.

Entre os avances neste ámbito destacan a incorporación de novas tecnoloxías para axilizar o pago das certificacións. O ano pasado, a Xunta aprobou unha reforma do regulamento da asistencia xurídica gratuíta para adaptala ás últimas reformas lexislativas. Grazas a isto, afondouse no tratamento electrónico das certificacións e da presentación de solicitudes; na simplificación do trámite da revogación das resolucións denegatorias; e na inclusión como beneficiarios da asistencia xurídica gratuíta ás vítimas de terrorismo, trata, menores e persoas con discapacidade vítimas de abuso ou maltrato.

O Goberno galego reafirma así o seu compromiso coa asistencia xurídica gratuíta, á que teñen dereito os cidadáns españois, dos Estados membros da Unión Europea e outros estranxeiros que residan legalmente en España, cando acrediten insuficiencia de recursos para litigar. Por iso, a Xunta considera que se trata dun servizo fundamental para garantir a igualdade de condicións de todos os cidadáns no acceso á Xustiza.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre