Inicio Galicia A Xunta activará o venres o Plan de vialidade invernal co fin...

A Xunta activará o venres o Plan de vialidade invernal co fin de garantir a mobilidade e a seguridade na rede de estradas autonómicas

0

Vázquez Mourelle explica que se trata de ter preparados 24 horas ao día, os sete días da semana, os recursos necesarios para dar unha rápida resposta aos imprevistos que poidan xurdir nas vías autonómicas


A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, ofreceu hoxe unha conferencia na mesa ‘Sostenibilidad económica de la red’, na XXX Semana de la Carretera, onde avanzou que a Xunta activará este venres o Plan de vialidade invernal co fin de garantir a mobilidade e a seguridade na rede de estradas autonómicas.

Vázquez Mourelle explicou que o día 1 de novembro estarán operativos todos os medios e reservas de fundentes para a eliminación de xeo e neve nas vías autonómicas para facilitar a mobilidade dos cidadáns.

Salientou que se trata de ter preparados 24 horas ao día, os sete días da semana, os recursos necesarios para dar unha rápida resposta aos imprevistos que poidan xurdir na rede viaria autonómica.

Destacou a seguridade viaria como liña de acción prioritaria da Xunta, que ten como referencia o Plan de Seguridade Viaria, elaborado coa colaboración da Asociación Española de la Carretera, que recolle un conxunto de actuacións tanto en sensibilización como en mellora de vías.

Subliñou que estas intervencións están blindadas nos Orzamentos autonómicos para 2020, que inclúen 50 M€ aos plans de conservación de estradas, dos que 26,5 M€ se dirixen á conservación ordinaria e a vialidade invernal, tendo en conta que cada euro investido neste fin supón 5 euros de aforro en reparacións.

Sumou a estes fondos unha partida de máis de 22 M€ destinada á conservación extraordinaria, centrada, sobre todo, na renovación de firmes das vías.

Engadiu a continuación do desenvolvemento da estratexia para eliminar os tramos de concentración de accidentes nas estradas de titularidade da Xunta, para o que se destinan 17 M€ o vindeiro ano.

Ethel Vázquez concretou que os presupostos do próximo exercicio amosan que a capacidade de inversión en materia de estradas continúa recuperándose, o que permite avanzar en seguridade viaria con obras tan significativas como a conversión en autovía dun tramo do Corredor Lugo – Sarria.

Actualmente, Galicia conta cuns 500 km de vías de altas prestacións entre as que destaca a recentemente inaugurada Autovía do Morrazo, construída a partir da duplicación da calzada do corredor e financiada integramente con cargo aos presupostos.

Neste sentido, a conselleira lembrou que a Xunta, nos últimos dez anos, pese á recesión económica, puxo en servizo máis de 220 km de vías de altas prestacións sen un só quilómetro de peaxe, incrementando nun 75% a rede autonómica existente con anterioridade.

Ethel Vázquez exemplificou así que o Executivo autonómico aposta pola vía presupostaria tanto para a conservación ordinaria e extraordinaria como para o acondicionamento da rede ou para a execución de novas infraestruturas.

Fronte a esta política nas estradas autonómicas, indicou que no caso de autoestradas estatais como a AP-9, a Galicia réstanlle tres décadas de pago a diferenza con infraestruturas do Estado que se están abaratando ou liberando de peaxe noutras comunidades.

Precisou que dende novembro de 2018 a AP-1 entre Burgos e Armiñón é gratis e o mesmo sucederá en breve coa AP-7 entre Tarragona e Alicante ou a AP-4 entre Sevilla e Cádiz. Non obstante, sinalou que Galicia seguirá pagando peaxe na AP-9 ata 2048.

Concretou que en 2018, un 11% dos quilómetros de autoestradas estatais de peaxe se encontraban en Galicia, porcentaxe que se incrementará en 2021 ata o 17%.

Pola contra, explicou que a Xunta está facendo un esforzo por minimizar o impacto das peaxes nas autoestradas autonómicas, que a pesar de ser xa das máis baratas de España, contan con bonificacións maiores que as xerais da AP-9 para viaxeiros recorrentes. Engadiu os recentes descontos para usuarios en horario nocturno e os que se sumarán o vindeiro ano para familias numerosas. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre