Inicio Galicia A Xunta activa un programa de axudas á contratación de remudistas co...

A Xunta activa un programa de axudas á contratación de remudistas co obxectivo de reter coñecemento nas empresas e talento xuvenil en Galicia

0

A medida enmárcase nos Acordos do Diálogo Social asinados entre o presidente da Xunta, a Confederación de Empresarios de Galicia e os sindicatos CCOO e UGT e forma parte da nova Axenda de Emprego

A Xunta vén de activar un programa de axudas á contratación de remudistas ao que destinará 1M€, dando resposta aos Acordos do Diálogo Social asinados entre o presidente da Xunta, a Confederación de Empresarios de Galicia, e os sindicatos CCOO e UGT. A medida forma parte, ademais, da nova Axenda de Emprego do Goberno galego, na que se redefiniu a estratexia autonómica en materia laboral para dar resposta aos retos laborais do actual contexto económico.

Estes apoios xorden para paliar os efectos do cambio de condicións de acceso e requirimentos do contrato de relevo que podían supoñer un atranco á retención de talento xuvenil en Galicia e de retención de coñecemento nas empresas nos procesos de relevo xeracional.

Poderán acceder a estas axudas persoas físicas ou pemes que realicen contratos de relevo para prestar traballos en centros radicados na Comunidade Autónoma de Galicia e con domicilio social en Galicia. As axudas serán dun máximo de 7500 euros pero veranse incrementadas nun 5% no caso de que a persoa contratada sexa muller; outro 5% adicional no caso de que sexan empresas relacionadas con sectores estratéxicos da economía galega e un 10% no caso de postos de traballo nos que o remudista vaia desenvolver funcións relacionadas coa adaptación tecnolóxica da empresa.

Entre os requisitos que deben cumprir as empresas beneficiarias inclúese que sexan pemes, que teña unha taxa de estabilidade dun 70% e, tras a realización do contrato, que manteña o volume de emprego total durante 20 meses.

En canto aos requisitos das persoas remudistas, deben ser menores de 30 anos desempregadas; menores de 30 anos que teñan concertada na mesma empresa un contrato en prácticas ou para a formación ou que desenvolva na mesma un período de prácticas non laborais; menores de 35 anos con contrato de duración determinada concertado coa empresa, sempre que pase a ser indefinido e exista un compromiso por parte da compañía de contratación dun traballador adicional; e maiores de 45 anos desempregados.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre