Inicio Galicia A Xunta activa un paquete de formación dixital para mellorar os coñecementos...

A Xunta activa un paquete de formación dixital para mellorar os coñecementos e habilidades de 2000 persoas

0

A iniciativa, enmarcada no Plan de reactivación económica, inclúe un programa dirixido a autónomos, unha iniciativa para formadores e docentes, outra para a mellora da empregabilidade dos menores de 30 anos en situación de desemprego e un ciclo de obradoiros dixitais


A Xunta de Galicia pon en marcha, dentro do Plan de reactivación económica, un paquete de formación dixital para mellorar os coñecementos e habilidades de 2000 persoas no que se inclúe un programa para autónomos, outro para formadores, unha liña para menores de 30 anos sen emprego e un ciclo de obradoiros.

A primeira das iniciativas, Autónomos dixitais, é un novo programa formativo que pretende reforzar o tecido produtivo galego facilitando a 1200 alumnos o desenvolvemento de competencias en comercio electrónico e novas canles online co obxectivo de mellorar tanto a comunicación cos clientes como o coñecemento dos seus produtos e servizos. O programa, que xa está en marcha cos primeiros 160 participantes, ofrece dúas accións formativas online de 50 horas lectivas cada unha centradas na mellora de habilidades no eido da xestión loxística, o márketing, a venda online e a creación de tendas virtuais. En concreto, Fundamentos para a creación dun proxecto de comercio electrónico e Especialista en e-commerce. As persoas que realizan unha actividade económica por conta propia interesadas nestes cursos poden solicitar a súa praza cubrindo un formulario web na páxina https://www.autonomosdixitais.com. O último curso comezará o 23 de xullo.

Formadores dixitais é un programa de formación online destinado a docentes e formadores para que adquiran coñecementos nas técnicas e métodos para impartir formación online. Destinado a 100 persoas, preferentemente docentes de formación profesional para o emprego, os interesados poderán realizar a súa inscrición ata o 14 de xuño a través dun formulario web na páxina http://www.formadoresdixitais.com e as clases comezarán o 17 de xuño. Os alumnos recibirán 50 horas de formación e poderán acceder a diferentes recursos, foros e un proxecto titorizado.

Impulso da empregabilidade é a terceira das iniciativas. Permitirá mellorar a empregabilidade dos menores de 30 anos en situación de desemprego nos últimos tres meses. O obxectivo é ofrecer formación e capacitación para incrementar as súas habilidades á hora de atopar un emprego. Celebraranse un total de cinco edicións de 20 alumnos cada unha en formato online que incluirán sesións grupais pero tamén sesións individuais de coaching. En total, ofrécense máis de 55 horas de formación.

Por último, Pon Rumbo é un ciclo de obradoiros virtuais con capacidade para 500 personas que se completa con sesións de coaching individual para os 20 alumnos que reúnan os requisitos exixidos no programa. Cunha duración de 50 horas ao longo de tres semanas, traballarase en nove competencias: a análise, o traballo en equipo, a creatividade, a xestión emocional, a capacidade resolutiva, a comunicación, a conexión, a actualización e a organización para aplicar tanto no traballo e no teletraballo como na busca de oportunidades. Está dirixido a persoas en situación de desemprego, emprendedoras e autónomas. O obxectivo é comezar o 15 de xuño.

Con estes novos programa en liña a Xunta mantén a súa aposta pola formación como a mellor ferramenta para avanzar nun emprego de calidade e na mellora competitiva das empresas galegas.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre