Inicio Galicia A Xunta activa os traballos de conservación e protección do bosque de...

A Xunta activa os traballos de conservación e protección do bosque de ribeira na contorna do encoro do Umia

0

A preservación do bosque de ribeira contribuirá a consolidar as masas arbóreas da zona, que supoñen un importante ecosistema ao evitar a erosión e mellorar a calidade das augas debido ao seu labor de ‘filtro’

A Xunta de Galicia activa os traballos de conservación e protección do bosque de ribeira na contorna do encoro do Umia.

A mellora do bosque de ribeira contribuirá a consolidar as masas arbóreas da zona, que supoñen un importante ecosistema, tanto a nivel ecolóxico como ambiental, xa que aumenta a capacidade de fixar o chan das beiras, evita a erosión e mellora a calidade das augas por mor do seu labor de ‘filtro’.

Para acadar estes obxectivos, Augas de Galicia formalizou a encomenda á empresa pública Seaga, que acometerá as actuacións necesarias nesta área, cun orzamento de case 100.300 euros.

A primeira fase desta intervención comezará a vindeira semana coa realización de traballos de campo que se desenvolverán ao longo de aproximadamente un mes.

Estas primeiras accións consistirán nunha análise do estado do bosque de ribeira e da estabilidade dos taludes e na detección de posibles obstáculos, tanto lonxitudinais como transversais.

Os traballos de campo funcionarán como base para establecer as medidas necesarias para resolver os problemas detectados e preservar os valores naturais desta contorna.

Unha vez precisadas as necesidades de mellora das zonas analizadas, nunha segunda fase levaranse a cabo as medidas encamiñadas á restauración e control do solo mediante a recuperación da masa arbórea.

As obras a executar deberán potenciar aqueles tratamentos de mellora selvícola que dinamicen a rexeneración natural e a función da masa forestal, así como dar cumprimento á lexislación en vigor sobre o control dos montes, prevención e defensa dos incendios e xestión da biomasa.

Neste sentido, o plan a desenvolver pode contemplar traballos como rozas selectivas, control de matogueiras ou clareos en bosques onde a excesiva densidade dea rexeneración comprometa o desenvolvemento de novos pés.

Tamén será necesario o deseño de medidas de prevención de incendios a través de estruturas lineais do perímetro e das áreas de cortalumes ou mediante accións de control periódicas sobre as masas.

Esta actuación enmárcase no conxunto de iniciativas que desenvolve a Xunta para mellorar a calidade das augas do encoro do Umia, e que inclúe, tamén, as obras de mellora da depuradora municipal de Paradivas

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre