Inicio Galicia A Xunta activa mañá as liñas de axudas dirixidas a microempresas e...

A Xunta activa mañá as liñas de axudas dirixidas a microempresas e autónomos con persoal e á hostalería do Plan de rescate

0

Feijóo explica que as axudas son acumulables entre si e no caso dos autónomos con establecementos hostaleiros poderán oscilar entre os 6.700 e os 9.200 euros

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe en rolda de prensa que as dúas liñas de axuda que faltaban por activar do Plan de rescate para traballadores autónomos e microempresas, dotado de 84 M€, se convocarán mañá coa publicación no DOG das súas bases.

Fíxoo tras lembrar que o prazo para solicitar a primeira das liñas de axudas, a dirixida a persoas autónomas con ou sen empregados, de entre 1.200 e 2.000 euros, xa se abriu a semana pasada. “Recibimos 17.009 solicitudes que xa teñen comprometidos 21 M€”, sinalou.

Con respecto ás dúas liñas de axudas que se activarán mañá, precisou que, no caso da dirixida a microempresas e persoas autónomas con persoal contratado, os beneficiarios de calquera sector poderán optar a apoios de 4.000 euros, mentres que os beneficiarios de sectores especialmente paralizados recibirán 5.000 euros. Terán que acreditar, dixo, ter ou ter tido autorizado un ERTE con anterioridade, unha baixada de facturación de polo menos o 45% con respecto ao ano anterior e comprometerse a manter o emprego durante 6 meses desde a publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

Por outra banda, a liña de axudas destinada especificamente ao sector da hostalería, que estará dotada de 17 M€, concederá a cada un dos establecementos que cumpran cos requisitos 1.500 euros por cada mes de peche e 2.000 euros ao mes no caso de que se trate de empresas con 10 ou máis traballadores.

Sobre este último punto, o presidente da Xunta explicou que estas axudas son acumulables entre si, ao tempo que engadiu que, no caso dos autónomos con establecementos hostaleiros, as contías poderán oscilar entre os 6.700 e os 9.200 euros. “Sitúa a Galicia á cabeza de indemnizacións ao sector da hostalería a toda España”, engadiu.

Máis polo miúdo sinalou que neste plan, que se deseñou en colaboración cos colectivos profesionais e sectoriais, a Xunta avogou por un mecanismo de tramitación sinxelo para as axudas, electrónico e por medio dunha declaración responsable coa previsión de que a maioría das contías cheguen aos destinatarios no mes de decembro.

Finalmente, concluíu a súa intervención lembrando que o plan de rescate a Xunta pretende contribuír ao mantemento do emprego e da actividade económica de 30.000 persoas traballadoras autónomas e 10.000 microempresas, así como apoiar a actividade dos establecementos de hostalería.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre