Inicio Galicia A Xunta activa de xeito preventivo o Plan Camgal en nivel medio...

A Xunta activa de xeito preventivo o Plan Camgal en nivel medio de emerxencia tras aparecer unha mancha de fuel nas inmediacións da ría de Arousa

0

A Xunta, a través do Servizo de Gardacostas de Galicia, vén de activar o Plan Territorial de Contaminación Mariña Accidental de Galicia (Plan Camgal) en situación 2, é dicir, o nivel medio de emerxencia, de xeito preventivo ante a aparición dunha mancha de fuel de 1.300×500 metros detectada nas inmediacións da ría de Arousa, fóra da costa, en concreto entre Ribeira e a illa da Rúa.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, comunicou a activación do plan da comunidade autónoma de Galicia ao delegado do Goberno, Javier Losada, a quen lle solicitou a activación do Plan Marítimo Nacional, que é o que corresponde ao tratarse dun episodio no mar e mentres que a contaminación non chegue á costa.

Arestora desprázanse á zona os buques Irmáns García Nodal e Paio Gómez Chariño e as patrulleiras Punta Falcoeiro e Punta Roncadoira con persoal do Servizo de Gardacostas para sumarse aos efectivos de Salvamento Marítimo do Estado que coordina o operativo co obxectivo de evitar que o combustible chegue á costa. Tamén se trasladará á zona dos traballos o subdirector xeral do Servizo de Gardacostas, Lino Sexto.

A mancha foi detectada por un avión de Salvamento Marítimo que estaba realizando un voo de observación pola zona e, como medida preventiva, o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar) estableceu tamén un peche cautelar no único polígono de bateas que estaba aberto na zona, o Ribeira B.

Os niveis de activación plan Camgal adáptanse aos utilizados por Protección Civil segundo indica o Sistema Nacional de Resposta e son Situacións 0, 1, 2 e 3. A situación 0 actívase cando se sospeita que unha contaminación significativa pode chegar á costa, tanto se procede do mar como dunha instalación en terra. A situación 1 fai referencia ao nivel mínimo de emerxencia, a situación 2 ao nivel medio e a 3 ao nivel máximo de emerxencia.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre