Inicio Galicia A Xunta activa a nova convocatoria de Unidades Formativas na Empresa nas...

A Xunta activa a nova convocatoria de Unidades Formativas na Empresa nas que se formarán 1500 persoas desempregadas

0

A Consellería de Economía, Emprego e Industria mantén aberto ata o 7 de outubro o prazo de solicitudes deste programa, dotado con 3M€ e co que se porán en marcha 100 cursos


A Xunta mantén aberto ata o 7 de outubro o prazo de presentación de solicitudes do programa de Unidades Formativas na Empresa para desempregados, no que se investirán 3 millóns de euros, atendendo ás demandas reais do tecido produtivo galego e poñendo o foco nos sectores estratéxicos da Axenda Industria 4.0. O obxectivo é formar a 1500 parados a través de 100 cursos. As empresas beneficiarias comprométense a contratar polo menos ao 40% dos alumnos e alumnas que participen na medida.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria apoiará ademais ás compañías nas contratacións cando superen o compromiso fixado do 40%. Os contratos indefinidos financiaranse con axudas de entre 7000 e 18.000 euros. As contías máximas outórganse para os colectivos con especiais dificultades para atopar un emprego, como son os parados de longa duración, persoas con capacidades diferentes ou en risco de exclusión social, mulleres, maiores de 45 anos ou emigrantes retornados. Tamén se bonifica con máis apoio nas contratacións cando a empresa está emprazada no rural galego.

Ademais dos cursos destinados a persoas desempregadas, poñeranse en marcha 400 unidades formativas para que as empresas melloren a cualificación dos seus propios traballadores, nas que se prevé que participen 3000 persoas. Será mediante unha convocatoria dotada con 5 millóns de euros que se publicará nas próximas semanas.

Así, en total destínanse 8 millóns de euros á nova edición das Unidades Formativas na Empresa, unha iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria que permitirá que as empresas galegas poñan en marcha 500 unidades formativas para cualificar a arredor de 4500 persoas traballadoras e desempregadas.

O programa de Unidades Formativas na Empresa é unha iniciativa pioneira que se enmarca na Axenda 20, a folla de ruta coa que o Goberno galego está impulsando o emprego estable e de calidade. Desde a súa posta en marcha en 2018, a Xunta leva destinado preto de 12,7M€ para formar a 7157 persoas desempregadas e ocupadas a través de 690 unidades formativas co obxectivo de mellorar a competitividade empresarial, a cualificación dos traballadores, e a empregabilidade dos galegos e galegas. Ademais, este programa ten permitido a inclusión de 41 novas especialidades, a proposta das empresas, no catálogo formativo do Servizo Público de Emprego Estatal.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre